Rubiáns, A Lomba e Vilaxoán gañan os Premios de Igualdade na Escola de Vilagarcía

La Voz

AROUSA

Martina Miser

O galardón foi entregado onte nun acto celebrado en Ravella

18 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os colexios de Rubiáns, Vilaxoán e A Lomba-Anexo gañaron este ano os premios pola Igualdade na Escola que convoca o Concello de Vilagarcía. Os galardóns, dotados con 500 euros, foron entregados polos concelleiros Tania García e Miro Serén.

O alumnado do centro de Rubiáns, da man do equipo docente, desenvolveu durante o curso un traballo de descubrimento de mulleres artistas que, durante demasiado tempo, foron esquecidas por quen elabora os libros e escribe a historia da arte. «De xeito transversal en todas as actividades do curso, e a través de accións específicas, traballaron para coñecer a vida, a obra e as dificultades que por razón de xénero se atoparon estas mulleres no camiño», explica o xurado do certame.

Outro premio foi para o proxecto educativo presentado polo CEIP de Vilaxoán e a ANPA San Martiño. «As mulleres no camiño e máis alá» era o título baixo o que se desenvolveu un traballo que puxo o foco en tratar de visibilizar as desigualdades das que seguen a ser vítimas as mulleres. Dentro deste marco, traballouse especialmente na violencia e na presión que sofren en relación aos canons de beleza.

«Camiño á igualdade» é o proxecto polo que se premiou ao CEIP A Lomba e que se desenvolveu nas aulas deste centro e nas do Anexo. Todas as etapas educativas traballaron nestes aspectos realizando, entre outras actividades, marchas en contra da violencia machista, spots publicitarios, reparto de pulseiras e adhesivos deseñados polo alumnado, exposicións e charlas relacionadas coa muller e a ciencia e proxección de películas. Tamén elaboraron un libro que recolle as biografías de mulleres de Vilagarcía e crearon un xogo.