O BNG pide no Parlamento de Galicia a suspensión do parque empresarial de Pontecesures, que afecta a unha zona húmida

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Á formación nacionalista chámalle a atención que Augas de Galicia non teña emitido un informe ao respecto e reclama que, se non o ten feito, o redacte xa

15 jun 2022 . Actualizado a las 14:32 h.

O parque empresarial de Pontecesures impulsado desde o goberno local encabezado polo popular José Manuel Vidal Seage e respaldado pola Administración autonómica, da mesma cor, dista de contar coa unanimidade dos representantes na corporación municipal cesureña. O Consello Local do BNG, a través de Luis Bará, vén de elevar ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que, en última instancia, reclama «suspender a tramitación do parque empresarial de Pontecesures, abrir un diálogo co Concello e coa veciñanza afectada e estudar outros posibles usos e aproveitamentos dos terreos nos que se proxecta».

A responsable local do BNG, Maite Tocino, explicaba onte como Luis Bará, parlamentario en Santiago, se reuniu o pasado venres coa veciñanza da zona de Terroeira que, de avanzar o parque empresarial como está previsto, se toparía con este á porta das súas casas. A cuestión é que, ademais dos problemas que isto lles poida ocasionar, e ao feito de tratarse boa parte dos 326.000 metros cadrados nos que se proxecta a área industrial de terreo agrario, a zona oeste afectada se levantaría sobre o lugar da Charca, un punto este no que, sinala Tocino: «Hai un bosque húmido con árbores autóctonas, desde salgueiros e amieiros ata carballos. Trátase ademais dunha zona inundable, na que existen numerosas canalizacións de regatos e auga subterránea».

Chegados a este punto, o BNG pon a lupa en cuestións capitais que lles fan pedir a suspensión do proxecto do parque empresarial. Así, Bará preguntará no Parlamento por que no informe ambiental estratéxico do parque empresarial recentemente emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente non consta o informe correspondente de Augas de Galicia, se este último existe e se Augas de Galicia manexa información sobre a zona húmida en cuestión e o potencial risco de inundacións se a man do home intervén para transformalo, preguntando ademais se ten previsto calquera estudo ou actuación ao respecto.

Así as cousas, na súa proposición non de lei, a formación nacionalista pedirá o apoio do Parlamento para reclamarlle á Xunta de Galicia un estudo hidrolóxico e un estudo hidroxeolóxico sobre os terreos nos que se proxecta facer o parque empresarial de Pontecesures, que Augas de Galicia elabore un informe sobre o impacto do proxecto na rede hídrica e no potencial risco de inundación da zona, próxima aos lugares da veciña Valga que tantos problemas tiveron coas enchentas fluviais, encargar un estudo sobre a potencialidade para uso agrario dos terreos en cuestión; e que se someta o proxecto do parque industrial ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Por que hai xa unha parcela de 61.000 metros delimitada?

Ademais de non entender a ausencia a estas alturas dun informe de Augas de Galicia, o Consello Local do BNG subliña outras carencias do recente informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental sobre a cuestión: «Oficialmente, non se di cales van ser as actividades do parque industrial. Pero xa está dividido e unha das parcelas é de 61.000 metros cadrados», o que podería levar a pensar que xa ten destino predeterminado. Tocino recorda que Cesures «ten 6,7 quilómetros cadrados, e quérense ocupar 326.000 metros cadrados na que seguramente sexa a última zona verde que queda no concello».