Baión recréase na vida rural

Bea Costa
Bea Costa VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

A Mostra dos oficios, tradicións e xogos populares continúa este domingo

11 jun 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

A Mostra dos oficios, tradicións e xogos populares de Baión (Vilanova) botou a andar  este sábado ao mediodía coa presenza de autoridades e de delegacións chegadas de toda Galicia para participar no Encontro dos Maiores, que cada ano organiza a asociación cultural O Castro cun xantar multitudinario no pavillón. O recinto da igrexa converteuse nun escaparate da tradición e da cultura popular do rural galego con postos para artesáns, que tan pronto facían un cesto como un zoco ou elaboraban augardente; coa recreación de traballos do campo como a malla, a corta do toxo ou debullar o millo; e escenas da vida cotiá do pasado século como ir lavar a roupa ao río ou cantar nas tabernas. O bo tempo axudou a desfrutar do polbo á feira, a música, os xogos tradicionais e da noite meiga animada polo grupo Aturuxo e con queimada de agasallo.

O domingo segue habendo moito que ver e facer na mostra das tradicións de Baión, que presume de ser a máis importante de Galicia das súas características. Ás sete da tarde terá lugar o xogo do Tesouro do Espantallo, pensado para os máis cativos, e ás 22.30 horas actuará Vilamariachi poñendo así o broche a dous días de festa.