Vinte proxectos empresariais buscan unha oportunidade a través do «coworking» do Salnés

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Nas catro edición deste espazo para emprendemento xurdiron 38 empresas

03 jun 2022 . Actualizado a las 16:24 h.

A quinta edición do coworking que a Xunta de Galicia puxo en marcha en Vilanova está a favorecer o emprendemento de vinte proxectos empresariais na comarca do Salnés. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Gonzalo Durán, e do tenente de alcalde, Javier Tourís, -na imaxe- desprazouse onte á mañá ao centro situado en Vista Real para coñecer as iniciativas que se están a promover. Dos vinte proxectos, doce están impulsados por mulleres e tres por emigrantes retornados, de sectores moi diversos e con posibilidades de éxito pola demanda e necesidades do mercado, como son o turismo de aventura, a creatividade, os produtos do mar, a economía dixital, a alimentación, o deporte, a sostibilidade, as axencias de viaxes, o paisaxismo, o enoturismo, comunicación e eventos, patronaxe, a fotografía especializada, o turismo de luxo, o aloxamento ou a industria musical, entre outros.

A sede vilanovesa da rede autonómica de apoio ao emprendemento está financiada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, que dedica máis de un millón de euros a esta iniciativa e desenvolve as súas accións a través de mentores individuais que acompañan e axudan ao desenvolvemento de cada proxecto de empresa e ao deseño do modelo de negocio.

Ademais, os participantes tamén reciben outra formación específica a través de obradoiros prácticos, eventos e accións de networking. «O crecemento empresarial e a xeración de riqueza en Galicia, que van moi por riba da media nacional nos últimos anos, non é casualidade e débese ao valor e enxeño dos emprendedores e ao apoio transversal da Xunta que, no caso da xente máis nova e das ideas máis creativas, plásmase neste apoio, sobre todo no ámbito rural, con case 400 empresas creadas e máis de 600 empregos a través dos espazos coworking», segundo xplicou o representante autonómico.

Esta rede de emprendemento, xurdida hai seis anos e que conta coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), dispón de once espazos coworking en toda Galicia, o que supón dobrar as cifras da súa orixe no ano 2016. Na provincia de Pontevedra, ademais da sede en Vilanova, estase a impulsar outra en Lalín a través da Asociación de Empresarios de Deza (AED) para esa comarca do interior. En Vilanova, da man do director, Ramón Tubío, materializáronse 76 proxectos nas catro edicións anteriores dos que xurdiron 38 novas empresas e 55 postos de traballo creados na bisbarra.