O Arousa, un dos 5 clubs galegos con praza en todas as divisións de honra do fútbol español

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O vilagarcián pasa a formar parte dun selecto grupo co Celta, Dépor, Lugo e Ural Español

31 may 2022 . Actualizado a las 13:48 h.

«É unha alegría moi grande e moi importante para a historia do club ter un equipo na División de Honra Xuvenil [...] A vindeira temporada teremos equipo infantil, cadete de xuvenil nela. Estamos entre os mellores clubs galegos de fútbol base». O presidente do Arousa, Manolo Abalo, manifestouse deste xeito sobre o histórico ascenso dos pupilos de David López, Perú, o domingo no céspede da Lomba. Un éxito que non entraba nos plans iniciais dos coordinadores da canteira arlequinada, Pedro Carregal e o propio Perú, cando en setembro do 2021 botaba andar o xuvenil A co seu curto cadro de 18 xogadores, rebaixado en cuestión dun par de meses a 16 pola grave lesión do defensa Mateo García e co porteiro David Conde suplindo a baixa de Álex Cobo no primeiro equipo do club media volta da Liga de Segunda RFEF. 

Quere que o primeiro ascenso do Arousa á elite xuvenil coincida coa temporada do peneirado para a selección dos equipos que estrearán a División de Honra Infantil que a Real Federación Española de Fútbol fixou como nova Liga de referencia na categoría o vindeiro curso. Un proceso no que o infantil A da entidade arlequinada conseguiu superar o corte como cuarto clasificado final na fase de ascenso da franxa sur.

Deste xeito, co Arousa amarrando un ano máis e con suficiencia a súa continuidade na División de Honra Cadete, o vilagarcián pasa a figurar no selecto grupo de cinco clubs galegos que a vindeira temporada poderán presumir de ter un equipo nas tres divisións de honra do balompé español, isto é, a xuvenil, a cadete e a infantil de nova constitución. Un grupo encabezado polo Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, campión e subcampión, por esta orde das ligas xuvenil e cadete de referencia, ademais das fases de ascenso sur e norte para a infantil. O CD Lugo, cuarto tras o Racing Santander na D.H. Xuvenil 2021/22 e sexto no grupo galego da Cadete, tamén celebrou o salto arriba do seu infantil A, ao igual co Ural Español da cidade da Coruña, que mantivo a súa praza na elite xuvenil, décimo, e mais na División de Honra Cadete. O Compostela e o Coruxo, os outros dous equipos galegos cos que se medirá o cadro de Perú o vindeiro curso, non formarán parte da primeira edición da nova categoría de elite infantil, sendo que o club santiagués tampouco ten conxunto na cadete.

Mónica Irago

Racing Santander, Oviedo e Xixón

A falta de coñecer os dous equipos que ascenderán dos grupo asturiano e cántabro na Liga Nacional Xuvenil, e máis aló dos seus seis veciños galegos, o Arousa sabe xa tamén que na Liga 2022/23 visitará os campos de tres grandes clubs do fútbol español: Racing de Santander, Real Oviedo e Sporting de Xixón. O Bansander e o Atlético Perines santanderinos e o Marina Sport e Covadonga astures son os outros rivais confirmados tras a conclusión da temporada da División de Honra Xuvenil, que á volta do verán pasará de 18 a 16 equipos no Grupo 1 logo dun curso extraordinario pola pandemia que remata con seis descensos, a metade deles, galegos —Pabellón Ourense, Pontevedra CF e Val Miñor—.

O cadro de xogadores e de técnicos do xuvenil A do Arousa celebraron o domingo o seu ascenso cun percorrido festivo por Vilagarcía no tren turístico. O seu adestrador, Perú, salienta que o éxito é froito do «compromiso grande» dos seus pupilos e salienta o valor do acadado: «É un mérito grande tanto para o club como para a comarca».