De bos, por agora, e de malos, malísimos en Adro Vello

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

O xacemento de San Vicente precisa, e non o ten, do traballo conxunto de todas as administracións competentes

29 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas películas de vaqueiros de antes saían bos e malos, personaxes planas: o bo, bo; o malo, malo. Sen voltas: ou branco ou negro. Sempre ganaba o bo, como ten que ser e manda a santamadreiglesia. Pero ata unha palabra como bo ten múltiples significados e, por exemplo, o Dicionario da RAG recolle quince. Con malo, outro tanto e dá sinónimos como cativo, ruín, daniño, prexudicial, malvado e perverso; e a eses tamén se poderían engadir nocivo, aveso, desagradable, doente, enfermo, funesto, inicuo, malévolo, malicioso, pernicioso e, mesmo, velenoso. No meu tema recorrente hai, tamén, bos e malos. Falo de Adro Vello, que como sinala o DOGA é «un dos bens arqueolóxicos máis singulares no ámbito da Comunidade Autónoma» onde se poden ver vestixios dunha factoría romana de salga, unha vila romana, restos de estuco pintado, cerámica de construción, un ara dedicada á deidade Devero, unha necrópole de inhumación con ata dez niveis sucesivos de enterramento desde o século V d.C. ao XVIII d.C., ruína dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con pezas ornamentais de traza visigoda, no que parece un templo paleocristián e as súas sucesivas —polo menos tres— reconstrucións. Ademais queda un área ampla sen escavar.

O lamentable estado actual deste tesouro universal ten responsables e defensores e toca distribuír os papeis de malos e bos que, claro, a diferenza das películas, poden cambiar co paso do tempo ou, por riba, non acadar un final feliz. O rol de boa tócalle á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura. Incoou, conforme a súa competencia, a declaración de Adro Vello como BIC, cunha ampla contorna de protección; chegou a un convenio coa Universidade de Vigo para continuar o estudo e realizar escavacións cientificamente —que se iniciarán este verán— e, ademais, vai instalar un Centro de Interpretación onde se poderán observar os principais achados, cunha explicación global sobre esta Zona Arqueolóxica. Non é todo o boa que podería ser de cara ao futuro, pero, neste momento, ten ese papel: móvese, valora, aprecia. Os malos, os paralizados, son o Ministerio para a Transición Ecolóxica, Costas do Estado —malo con ganas e sen que ninguén llo diga— que incumpre completamente, con desprezo, as súas obrigas legais como titular actual do xacemento, a pesar de dispor de medios; e seguindo na xerarquía de ruindade figura no podio a Deputación, con recursos técnicos e económicos abondosos, que permite que a súa estrada continúe esmagando o xacemento, e enreda a unha política de confrontación con este patrimonio cultural. Na cadea dos malos un elo é o concello do Grove: despois de anos de desleixo ignaro e como de autoodio, aprobou en sesión plenaria defender Adro Vello, pero segue a insistir en enlear e enlamar, inventándose órganos para xogar a ensuciar a nobreza da política e as obrigas dun gobernante, sen mostrar ningún tipo de vontade real, de esforzo de seguimento, de verdadeira colaboración, permitindo que o xacemento siga como aparcadoiro e mantendo colectores do lixo, con aldraxe e desdén, a carón del; pero sobre todo sen, nin sequera, mostrando vontade de favorecer o que representa a historia de Galicia e desa vila e pode chegar a conformar o futuro do municipio; e iso que a Lei lle obriga a facelo porque ten competencias propias na protección e xestión do patrimonio e deber de adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares para salvagardar os bens que visen ameazada a súa integridade e valor e comunicar á Xunta calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural desa Zona Arqueolóxica; pero, pasa o tempo, e nada de nada. Para os veciños non é doado entender, nin asumir esa postura. E por todo iso claramente hai, por agora, bos e malos; por suposto, todo pode cambiar.