Un traballo sobre o valor etnográfico da obra de Pardo Bazán gaña o Ferro Couselo

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

Eva Penedo Vázquez subliña o nivel literario, histórico e persoal de dona Emilia

21 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra gañadora da XXII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo presentouse este venres no Museo da Historia de Valga. O traballo, que leva a sinatura de Eva Penedo Vázquez, ofrece un achegamento antropolóxico á obra novelística da condesa de Pardo Bazán dende dúas vertentes distintas. Por unha parte, a autora compilou os fragmentos das novelas nos que aparecen datos relevantes para a etnoloxía galega e, pola outra, elixiu tres novelas significativas para realizar un breve estudo dende a etnoliteratura.

Así o explicou ela mesma durante a presentación. «Dona Emilia é un personaxe que admiro moitísimo a nivel literario, histórico e persoal xa que foi unha muller moi adiantada ao seu tempo. Está xa moi traballada e por moi bos investigadores». A súa obra «é moi rica en elementos antropolóxicos galegos». Partindo das obras Bucólica, Os pazos de Ulloa e A nai natureza, Penedo recrea e o mundo antropolóxico dos pazos da segunda metade do século XIX, abordando especialmente da fidalguía e, en xeral, do mundo rural da época.