Unha festa das Letras Galegas pasada por auga

B. costa / L. Castro VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os concertos celebráronse nos auditorios e a actuación de A Roda adiouse ao sábado

18 may 2022 . Actualizado a las 19:32 h.

A chuvia desluciu os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas celebrados onte na comarca, pero a festa non deixou de celebrarse. En Vilagarcía suspenderon a ofrenda ao monumento de Rosalía de Castro situado en Carril, pero en Cambados si houbo flores ao pé da escultura que lembra ao poeta Ramón Cabanillas, e por triplicado: do Concello, de Somos Cambados e do BNG. O acto central tivo lugar ao mediodía, onde se deron cita o alcalde, Samuel Lago, os tres concelleiros de Somos, e a neta do escritor, Pitusa Cabanillas. As nubes deron unha tregua, pero non o suficiente como para que a Banda de Música de Castrelo se puxera a tocar no paseo da Calzada; foise ao seguro e o Concerto das Letras Galegas fíxose a cuberto, nun auditorio municipal cheo de xente.

O Grove foi outro dos polos de atención no día de onte. A casa da cultura Manuel Lueiro Rey acolleu unha variada programación que, inicialmente estaban previsto celebrar na rúa Castelao, pero que houbo que trasladar debido ao mal tempo. Ducias de nenos desfrutaron dende primeira hora da actuación musical de Xoán Curiel e da Feira do Libro a cargo do Espazo Lector Nobel e a editora PatasdePeixe e foron moitas as familias que a pesar da chuvia participaron nas actividades organizadas dende a concellería de Cultura, nas que tamén estivo presente o colectivo de artesáns Grovemakers, expoñendo e vendendo pezas inspiradas na lingua e cultura galegas. Pecharon a mañá o grupo de pandereteiras Cinco en Zocas, que abarrotaron de xente a casa da cultura e deron un bo repaso ao seu repertorio de música tradicional.

A música tamén soou en Vilagarcía, a conta de Uxía e Javier Ruibal, que actuaron pola tarde no auditorio, no centro social de Dena e na antiga igrexa da Pastoriza, en Vilanova.

Ribadumia foi outro dos concellos no que o 17 de maio se viviu con máis intensidade, sobre todo no campo de fútbol da Bouza, onde se celebrou o torneo LetrasUMIAgalegas organizado por Umia C.F. coa colaboración do Concello. A Festa da Bicicleta foi cancelada coa previsión de celebrala o domingo 26 de xuño e a chuvia tamén chafou a festa prevista na Carballeira. Onde non houbo risco de mollarse foi no auditorio, que a partir das oito acolleu a Gala Ribadumienses en Prol do Galego, coa asociación cultural Añoranza como protagonista nesta edición.

Na Illa onte tampouco puideron celebrar As letras no Mar, pero aínda lle quedan moitas citas por diante este mes. O sábado 21, con previsións climatolóxicas máis propicias, xa se poderá navegar e cantar no porto do Xufre; antes, o xoves 19 ás oito da tarde na biblioteca municipal, terá lugar a presentación do libro Cen anos de salitre nas mans, no que se repasa a historia da confraría da Arousa. No mesmo escenario é á mesma hora do día 26, Xurxo Souto presentará «O cantar das conserveiras» e o 31, de maio, Xurxo Mariño presentará, tamén na Casa de Goday, o libro Unha mente que voa-unha mirada á evolución da linguaxe.

En Pontecesures tampouco puideron cumprir co programa e houbo que adiar o concerto do grupo A Roda, que será o vindeiro sábado ás 21 horas na Plazuela. No obstante, os rapaces si puideron gozar dos monicreques, que se trasladaron ao pavillón.