O galego retrocede no Salnés: é a lingua principal só para o 43,7% da poboación

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Un 23 % da veciñanza desta bisbarra e da de Caldas asegura empregar con normalidade tanto este idioma coma o castelán

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia celebra hoxe as súas letras, a súa lingua. Porén, non parece que haxa demasiados motivos de celebración. O galego esmorece: perde moitos dos seus espazos de resistencia e parece non ser quen de conquistar outros. Así o reflicten os estudos, escasos, sobre a situación da nosa lingua.

Se recorremos ao Instituto Galego de Estatística (IGE) podemos trazar o mapa do uso do galego ata o ano 2018, data do último informe. Daquela, nas comarcas do Salnés e de Caldas, o número de persoas que falan sempre en galego, ou de xeito maioritario nesta lingua, supuña o 63,40 % da poboación. Esa cifra constataba un lixeiro retroceso con respecto aos datos de dez anos atrás: no 2008, a porcentaxe era dun 65,19.

A situación parece non ter feito máis que empeorar. Á espera de que o IGE actualice os seus estudos sobre o uso da lingua, botamos man do traballo sobre esa cuestión publicado por Sondaxe en marzo. Segundo ese informe, nas comarcas do Salnés e de Caldas a porcentaxe de persoas que emprega só ou de forma maioritaria o galego cae ata o 43,7 % da poboación (só un 26,4 % emprega esta lingua de forma exclusiva). O 30,1 % afirma empregar o castelán de forma única ou maioritaria. E un 23 % sostén que utiliza ámbalas dúas linguas de forma equilibrada no seu día a día.

Os datos das bisbarras do Salnés e Caldas non son bos, todo o contrario. Pero son mellores que no conxunto de Galicia, onde o número de persoas que utilizan o galego de forma exclusiva ou maioritaria cae ata un 38,4 %, fronte a quen se expresa só en castelán ou de forma predominante nesta lingua (40,9%). No medio, un 17,8 % asegura ter as dúas linguas como idioma habitual de expresión. Volvamos agora ao IGE para analizar o que di sobre o galego no conxunto do territorio: A lingua galega pasou de ser a de uso habitual do 61,2 % da poboación no 2003 a representar só un 21,8 % no 2018. Mentres, o castelán pasou do 38,3 % ao 47,3 % nese período.

En calquera caso, cómpre sinalar que a situación non é a mesma en toda a bisbarra do Salnés e Caldas. Segundo o informe de Sondaxe, os concellos con menos de 5.000 habitantes tenden a ter os niveis máis altos de galegofalantes; o galego tamén é lingua maioritaria entre as localidades de menos de 20.000 habitantes —Cambados, O Grove e Vilanova entran nese estamento—, mentres que nas que teñen entre 20.000 e 50.000 habitantes —caso de Vilagarcía— xa predomina o uso do castelán.

No instituto: «Se me falan en castelán, eu respondo en castelán»

O equipo de dinamización lingüística do IES Castro Alobre (Vilagarcía) traballa sen descanso para intentar manter vivo o idioma galego. Non é cousa fácil nun centro de secundaria, e máis nunha vila como Vilagarcía. Malia todo, «aí estamos nós, tirando», comenta Ángela García Silva, unha das integrantes deste grupo de traballo. Ela non quere ser falsamente optimista: a situación do idioma galego non é boa. De feito, o obxectivo que se teñen marcado no centro é que o alumnado acade un nivel de fluidez suficiente para se poder expresar en galego se chega un momento da súa vida no que o contexto empurre nese sentido. Porque, se algo parece derivarse da experiencia que teñen no grupo de traballo do instituto vilagarcián, é que moita da rapazada que se senta nas aulas do centro emprega o galego na casa. «En moitos casos, para se relacionar cos avós e as avoas», explica García Silva. Outros mesmo o teñen máis estendido. Porén, no centro non o usan. «Eu moitas veces lles pregunto por que fan iso, e a resposta normalmente é a mesma: se me falan en castelán, eu falo en castelán».

 Nos centros escolares, é evidente, ese é o idioma que manda. Pero tamén é certo que «se ti lles falas en galego, normalmente responden en galego». E nun galego que non parece forzado, senón que as gorxas da mocidade destila con certa soltura. «Vemos participación da xente nas actividades do equipo de normalización lingüística. Por exemplo, temos un faladoiro que organizamos cada quince días e este ano está acudindo bastante xente. Rapazada que de diario non emprega o galego, pero que acoden e demostran que teñen un galego que non é forzado». Para intentar mellorar esa tendencia, o grupo de dinamización segue a traballar en varias frontes. Ao longo do ano, ademais das actividades cotiás, organizan varias accións que chaman a atención da rapazada: arrinca o curso co deseño dun almanaque, fan postais polo Nadal, organizan un concurso no Día de Rosalía e en maio celebran as Letras Galegas e as Letras no Alobre.

Para rematar, o alumnado do Castro Alobre convértese nunha sorte de embaixada lingüística do Concello, este ano cun proxecto que consistirá en deseñar a lapela duns cadernos que logo se repartirán nos comercios locais para animar á veciñanza da cidade a darlle á nosa lingua mil primaveras máis.