O CDL de Vilanova abre a inscrición para clases de inglés en grupos reducidos e con profesores nativos

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O curso impartirase a partir de setembro nas instalacións de Vista Real

16 may 2022 . Actualizado a las 20:39 h.

O Centro de Desenvolmento Local (CDL) de Vilanova continúa incrementando a súa oferta formativa. Aos máis de trinta cursos de distintas modalidades que se programan habitualmente súmanse agora clases de inglés por profesores nativos e grupos reducidos.

As clases comezarán na segunda quincena de setembro e os alumnos que se inscriban antes do 25 de maio poderán participar nunha sesión gratuíta de inmersión en lingua inglesa de tres horas de duración, que se celebrará nos locais do CDL, en Vista Real (na imaxe), a finais deste mes cunha ratio de un profesor por cada tres alumnos. As clases serán impartidas por profesores nativos de Estados Unidos e cunha ampla traxectoria no ensino de inglés.

Requírese un nivel mínimo de coñecementos en lingua inglesa, asimilado ao B1+. O custe por hora para os empadronados en Vilanova será de sete euros, mentres que o resto de alumnos pagarán oito euros por cada hora de clase. Os días e o horarios das clases consensuaranse cos alumnos. Os interesados poden reservar praza enviando un correo electrónico redactado en inglés onde figuren os datos persoais do alumno (nome e apelidos, enderezo, tipo de actividade profesional ou académica e teléfono de contacto) á seguinte dirección: javier.pineiro@vilanovadearousa.com

14.000 seguidores en Facebook

A gran acollida do CDL non só se manifesta no gran número de persoas que participan presencialmente nas súas actividades, senón tamén polo seguimento da súa páxina de Facebook, que hai uns días superou os 14.000 seguidores. «Desde a súa primeira publicación, hai seis anos e medio, o seu crecemento foi constante e a día de hoxe é unha referencia para todos aqueles que buscan formación, emprego ou axudas das diferentes administracións públicas. Para darnos unha idea da repercusión e seguimento desta páxina, as publicacións dunha soa semana chegaron a acadar máis de medio millón de visitas chegando a máis de 110.000 persoas diferentes», segundo explican desde o CDL.