Así celebra a comarca o Día das Letras Galegas

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A previsión de chuvia obriga a aprazar algunhas citas e levar a festa a cuberto

16 may 2022 . Actualizado a las 21:20 h.

Os concellos da comarca recuperan a celebración do Día das Letras Galegas na rúa logo de dous anos recluídos por culpa do covid. A oferta de actividades para este martes é ampla, aínda que a previsión de chuvia vai deslucir algunha as citas ao aire libre, ata a punto de chegar a ter que suspender algunha delas.  

Vilagarcía

O concerto de Uxía e Javier Ruibal será no auditorio. A ameaza de chuvia obriga a suspender a ofrenda floral prevista fronte ao busto de Rosalía de Castro e a trasladar o concerto que Uxía e Javier Ruibal ían ofrecer hoxe en Carril. De todos os xeitos non se quedarán sen actuar. O concerto, incluído no programa Musigal da Deputación de Pontevedra, será ás 19.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde. O dúo presenta Da túa casa á miña, un disco no que irmandan dúas linguas e dúas culturas a través de dous poetas universais: Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Por outra banda, desde onte e ata final de mes pódese visitar na biblioteca municipal unha exposición biblio-biográfica do autor homenaxeado este ano. Pódese visitar de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas e os sábados de 9 a 14 horas. 

Cambados

Ofrenda e concerto. Logo das actuacións musicais da fin de semana, este mediodía é a quenda da Banda de Castrelo. O concerto está previsto ás 12.30 horas no paseo da Calzada —en caso de chuvia trasladarase ao auditorio de A Xuventude—, logo de celebrarse a tradicional ofrenda floral diante do monumento a Ramón Cabanillas.

  O Grove

Feiras de libro e artesanía. O programa para hoxe ábrese cun pasacalles a cargo de Paradanda Mecos e media hora despois empezará a Feira do Libro Galega, a cargo da libraría Nobel e Patadasdepeixe Editora, e a Feira de Artesanía Local, que organiza o colectivo Grovemarkers. Ás once Xoan Curiel ofrecerá Cantando as nosas letras e á una da tarde actuará Cinco en Zocas na rúa Castelao. En caso de chuvia as actividades pasarán á casa da cultura.

Ribadumia

Fútbol na Bouza e as bicicletas terán que esperar. Hoxe será día de moito fútbol co gallo do torneo LetrasUMIAgalegas, que organiza o Umia C.F. coa colaboración do Concello, de 9.30 a 20.30 horas no campo da Bouza. Haberá equipos promesas femininos e equipos biberón e xogos de lectura en galego e unha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. En canto á Festa da Bicicleta prevista para este día 17 tivo que ser aprazada polo mal tempo para o domingo 26 de xuño. Haberá premios para a bici máis antiga, para a familia máis numerosa e para os participantes máis novo e máis lonxevo. Ás 10 horas no campo da Senra terá lugar a presentación da quinta edición do KeeperCamp Azero e ás 17 horas comezará na Carballeira de Ribadumia a Festa das Letras Galegas. A xornada rematará ás oito da tarde coa Gala Ribadumienses en Prol do Galego, cunha cerimonia que terá como protagonista á Asociación Cultural Añoranza e celebrarase no auditorio. O Concello pretende, deste xeito, non só celebrar o día no que se honra á lingua galega, senón tamén aproveitar para render homenaxe aos veciños, asociacións ou entidades do municipio que participan, dun xeito ou outro, en prol da conservación e posta en valor da lingua galega. O grupo Lembranzas presentará neste acto o seu disco Gaela.

Vilanova

A cantar. Diante da biblioteca municipal, ás 18 horas, terá lugar o espectáculo dirixido a toda a familia baixo o título Biblio Canta. En caso de chuvia trasladarase á igrexa da Pastoriza.

A Illa

Adiada a As Letras no Mar. A previsión de mal tempo impide celebrar as actividades que baixo o título As letras no Mar celebra cada ano tal día coma hoxe a asociación cultural Dorna. A festa queda adiada para o sábado 21 de maio. Antes, o xoves 19 terá lugar a presentación do libro Cen anos de salitre nas mans, no que se repasa a historia da confraría da Arousa. O acto será ás 20 horas na biblioteca municipal e estarán presentes Juan Otero, Fernando Salgado e Juan José Rial Millán.

Meaño

Música e agasallos. Alumnos da escola de música de Meaño ofrecerán o Concerto das Letras Galegas baixo o título Música sen fronteiras. Será no centro social de Dena, ás 12.30 horas, onde actuará, tamén, a asociación cultural Penaguda e farase a entrega dos agasallos correspondentes ao concurso de murais, debuxos e relatos.

Meis

Concurso de poemas. O Concello convoca un concurso de poemas en dúas categorías: infantil e de quince anos en adiante. A temática é libre e o prazo de entrega dos traballos remata o 27 de maio. Os traballos deberán enviarse ao correo omix@meis.gal, onde se deberán indicar os datos persoais do participante. O premio consiste nun vale de compra de 50 euros nunha libraría.

Catoira

Concerto. A Banda de Música de Catoira ofrecerá un concerto no auditorio municipal a partir das 19 horas con entrada libre e gratuíta.

 Pontecesures

Actuación de A Roda. A asociación cultural Algueirada empezará ás seis un pasacalles e unha hora despois haberá unha lectura e danza na Plazuela. Ás 21 horas o grupo A Roda ofrecerá un concerto no mesmo lugar.

Valga

Cita musical o sábado. Tralas actividades da pasada semana nas bibliotecas, a programación das Letras Galegas continúa co concerto A miña lingua, a túa lingua, a cargo do grupo Oviravai, o sábado ás 19 horas no auditorio.