O Arousa mira polo Purgatorio para non caer xa no Inferno

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Xógase hoxe en 4 campos entrar na promoción de permanencia

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Caer ao inferno da Terceira RFEF ou aferrarse durante unha semana ao Purgatorio da eliminatoria da promoción de permanencia, pelexando o vindeiro domingo, 22 de maio, por un triunfo que manteña os pés do Arousa na Segunda RFEF. Este é o panorama co que hoxe, desde as doce en horario unificado para toda a Liga, encara o conxunto arlequinado a trixésimo cuarta e derradeira xornada da Liga. Obrigado a gañarlle a un Bergantiños con tanto en xogo para poder desbancar o Marino de Luanco da decimo terceira praza na clasificación, a que dá dereito a disputar a sinalada promoción de permanencia.

O problema do Arousa é que non só precisa derrotar a un rival de altura e fortemente motivado como o Bergantiños, obrigado tamén a gañar para, no seu caso, poder aproveitar un posible traspés do Coruxo en Vigo coa Gimnástica Segoviana para arrebatarlle a última praza na fase de ascenso á Primeira RFEF. O conxunto que adestra Luisito xógase a opción da promoción de permanencia noutros tres campos.

Así, sobre a base innegociable de gañarlle ao Bergantiños, precisa que o Marino de Luanco non pase do empate no campo dun Navalcarnero que terminará a temporada terceiro faga o que faga e, se o Salamanca supera na casa a un Compostela en idéntica situación á do Bergantiños, que ben o Luanco empate, que o Móstoles venza no feudo do pechacancelas e xa descendido Ceares ou que se dean ambos os dous últimos resultados á par, por canto o Arousa sairía vitorioso de calquera empate a puntos agás o que compartira unicamente co Salamanca, tras o 4-0 encaixado no Helmántico hai un mes custándolle o cargo a Jorge Otero.

O seu sucesor, Luisito, declaraba na véspera da final co Bergantiños: «El equipo, tal y como está trabajando, merece dar una alegría a la afición y merece al menos jugar la promoción de permanencia». E non dubida de que así será: «Estoy convencido de que vamos a hacer un partidazo, de eso no tengo ninguna duda». E para concluír coa súa faceta preditora, o técnico arlequinado engade: «Estoy convencido de que si ganamos, vamos a la promoción de ascenso. Estoy convencidísimo».

Con todo o seu cadro de xogadores dispoñible, tras recuperar os sancionados a xornada anterior Campillo e Porrúa, Luisito entende que, inda sendo que os dous equipos, Arousa e Bergantiños, se están a xogar a nota final da temporada na derradeira xornada de Liga, a motivación dos seus homes é superior: «Nosotros necesitamos ganar, sí o sí. Ellos también, pero nosotros lo necesitamos mucho más. No es lo mismo pelear por salvar la vida que hacerlo por poder estar en una categoría superior».