Iso si: as redes teñen unha chea de ventaxas sempre e cando se saiban utilizar con certa corrección. Certo é que as novas tecnoloxías, polo simple feito de ser novas, levan aparellado un certo grao de descoñecemento, de exploración. E iso pode levarnos, nalgunhas ocasións, polo mal camiño.
A xuízo de Sofía, que tras graduarse en Enfermería está a facer un máster de profesorado na Universidade de Vigo, é importante «fomentar que a mocidade empregue todos os medios que ten ao seu alcance para reflexionar e informarse, para consumir cultura e non só para establecer relacións superficiais». «En pouco tempo, cambiaron os medios. Temos que aprender a utilizalos de forma axeitada, intelixente, e temos que coñecer todas as súas posibilidades», sentencia. E se é en galego, mellor que mellor.