O concerto será o 26 de agosto no Bao e contará coa participación de Carlos Blanco
06 may 2022 . Actualizado a las 15:56 h.
O Concello da Illa vai celebrar o seu 25 aniversario cunha festa o vindeiro 26 de agosto. O prato forte do programa será un concerto, ese mesmo día, con Budiño e Tanxugueiras e coa animación a cargo de Carlos Blanco. Será na praia do Bao e esta elección non é casual porque «foi polo Bao por onde entraron os veciños e veciñas unha vez entregadas as sinaturas no Concello de Vilanova á corporación municipal», indican a organización en alusión á consecución da segregación.
Por isto, e porque alí hai espazo dabondo, «entendemos que o Bao é o sitio ideal para conmemorar este evento central do 25 aniversario do Concello». A entrada ao concerto será gratuíta e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal e do propio concello arousán.