Combo Dominicano e Panorama actúan nas festas que empezan este venres en San Miguel

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

XAIME RAMALLAL

As orquestras son o principal atractivo do programa xunto coa profusión de arcos de luz na estrada

05 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas patronais de San Miguel de Deiro (Vilanova), na honra de San Antonio, recobran o pulo logo de dous anos en dique seco por mor do covid. Esta cita caracterízase pola fama e calidade das orquestras contratadas e polo vistoso alumeado que se instala na PO-549 ao seu paso pola parroquia, que volve encher de luz e cor a estrada desde o pasado venres, aínda que non coa espectacularidade doutros anos. Son arredor de vinte arcos que se suman aos adornos luminosos instalados noutros puntos do municipio.

E se importante é o despregue loxístico, non o é menor a aposta musical, que conta cun cartel de luxo para as verbenas. Este venres día 6 actuarán Combo Dominicano e Pontevedra; o sábado será a quenda de Charleston e Panamá e o domingo pecha a festa Panorama. Máis alá da música, ao longo da fin de semana haberá misas e procesións a diario, alboradas e tirada de fogos.

A comisión de festas empezou os preparativos hai máis de dous meses moi pendentes da pandemia. Finalmente poderase celebrar o patrón sen máscara e María, Lara e Lorena —que se puxeron ao fronte da comisión de festas tras a morte da súa avoa Malucha— decidiron tirar para adiante e seguir coa tradición.