Dúas adegas de Rías Baixas súmanse ao espaVila!

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Presentarán os seus respectivos espumosos de albariño para maridar cos pratos que o venres e o sábado elaborarán os mellores chefs de Galicia nos «showcookings» programados pola Concellería de Promoción Económica

05 may 2022 . Actualizado a las 09:48 h.

A edición dedicada ao mar do espaVila! segue sumando incorporacións. As últimas, as de dúas adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas que presentarán os seus respectivos espumosos de albariño para maridar cos pratos que o venres e o sábado elaborarán os mellores chefs de Galicia nos «showcookings» programados pola Concellería de Promoción Económica no apartado de promoción dos froitos do mar e, por extensión, doutros produtos da gastronomía local. O espumoso «Infindo», dunha adega de Cambados, regará as receitas que o venres, a partir das 12.00 horas, elaborarán na Praza da Peixería os prestixiosos cociñeiros Javier Olleros, Rafa Centeno e Marcos Cerqueiro, que sacarán o mellor rendemento a produtos tan nosos e de tanta calidade como o polbo, a robaliza, o chicharro e as navallas. «Lola», da adega Paco& Lola será o espumoso que fará a maridaxe cos pratos a base de xurelo, xarda e ourizo que o sábado a partir das 12.30 prepararán Beatriz Sotelo, Xosé Magalhaes e Toñi Vicente. Está última tamén presentará o seu libro no marco do espaVila!.