O inicio das obras en Alexandre Bóveda, este mércores, obriga a implantar o sentido único na rúa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os traballos serán compatibles coa celebración do mercado ambulante e teñen un prazo de execución de dous meses

30 abr 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

O Concello de Vilagarcía infoma de que a empresa Montajes J.L. Iglesias comezará o mércores a executar a segunda fase das obras do proxecto de mellora de accesibilidade na rúa Alexandre Bóveda, a que afectará á beirarrúa na que aínda non se ten actuado. Os traballos completarán aos executados hai uns meses na beirarrúa oposta, a que discorre polo fronte do edificio da praza de abastos, e consistirán no ensanche da beirarrúa. Durante as obras, a rúa manterá un sentido único de circulación (de entrada dende Valle-Inclán), podendo os coches continuar tanto por Alejandro Cerecedo cara Doutor Tourón, como por Arcebispo Lago, que recupera o tráfico rodado de forma excepcional durante esta obra, xa que ao seu remate dará inicio a humanización desta céntrica rúa. Os coches que entren por Alejandro Cerecedo dende os semáforos de Doutor Tourón deberán, obrigatoriamente, xirar cara Arcebispo Lago.

As obras serán compatibles coa realización do mercado ambulante do mesmo xeito que se fai ata agora, cortando o tráfico en Alexandre Bóveda ata as cinco da tarde de martes e sábados.

Os traballos a realizar teñen un prazo de execución de dous meses e un custe de 34.096 euros que se financiarán co reinvestimento da baixa da humanización da rúa Camilo José Cela, incluída no Plan Concellos da Deputación. As obras afectarán ao tramo de beirarrúa que vai dende o cruce con Arcebispo Lago ata a intersección coa avenida Valle-Inclán. Ademais de gañar amplitude, a beirarrúa construirase con formigón tratado, de igual forma que o que se usou na parte oposta da rúa e que resulta moito máis cómodo e accesible para os peóns ao non presentar desniveis ou obstáculos e permitir unha maior adherencia. Ademais, este material é moito máis resistente e precisa menos mantemento que os tradicionais pavimentos de lousas que se soltan e levantan con moita frecuencia, segundo informa Ravella.

A obra inclúe tamén o tratamento dos bordes e arestas mediante pulido e rebaixe do chaflán, os cortes transversais para indicar as zonas de vao peonil e o uso limitado de lousa hidráulica con botóns antideslizamento para sinalizar os puntos nos que se sitúan pasos de peóns ás persoas invidentes.