Vilagarcía invoca este 17 de maio o espírito poético de Rosalía e de Lorca

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Uxía e Javier Ruibal presentan un disco de poemas musicados; o concerto será o alicerce do programa organizado co gallo do Día das Letras Galegas

06 may 2022 . Actualizado a las 15:55 h.

Cando visitou Galicia, Federico García Lorca quedou engaiolado coa figura artística de Rosalía de Castro, unha muller do século XIX que fora quen de romper normas e esquemas. A través dela, namorou Lorca, tamén, da nosa lingua, ata o punto de elixila para escribir os seus seis poemas galegos. Catro deles forman a estrutura do novo disco de Uxía e Javier Ruibal: Da túa casa á miña. De novo, unha galega e un andaluz mesturan as súas sensibilidades para elaborar un retrato musicado de dous poetas universais. As músicas, e as letras protagonizarán os dous concertos que o próximo 17 de maio se celebrarán en Vilagarcía. O primeiro será en Carril, á unha da tarde, xusto despois de levar flores ao busto de Rosalía de Castro. Será este un concerto acústico, «un petisco», di a concelleira de Cultura Sonia Outón, do que virá pola tardiña: ás 19.30 horas, no auditorio, desenvolverase o espectáculo de Uxía e Javier Ruibal en todo o seu esplendor.

O concerto é o eixo central do programa deseñado polo Concello de Vilagarcía co gallo do mes das Letras Galegas. O 17 de maio está adicado, desta volta, á figura de Florencio Delgado Gurriarán, unha de tantas voces exiliadas durante o franquismo por motivo das súas ideas. Da figura de Delgado Gurriarán falará o seu sobriño, Ricardo Gurriarán, o vindeiro martes, día 3, nunha conferencia que se desenvolverá na sala de conferencias do auditorio a partir das 19.30 horas. Para coñecer mellor a figura deste autor, a biblioteca municipal instalará, entre o 16 e o 31 de maio, unha mostra coa que pretende facer un percorrido pola súa vida e obra. A rapazada da cidade tamén terá ocasión de coñecer a este poeta: nos centros escolares xa deben estar aproximándose á súa figura. Ademais, o día 16 de maio, na praza de Galicia, o alumnado dos colexios O Piñeiriño, San Francisco, A Lomba, e do instituto Castro Alobre, participarán nun acto de homenaxe a Florencio Delgado que incluirá a lectura e o recitado dalgúns dos seus versos.

Ademais dos actos convocados arredor do autor do ano, o programa organizado polo Concello inclúe outras accións. O sábado 14, por exemplo, a compañía Amorodio porá en escena Reino da Extinción, unha reflexión sobre o concepto da galeguidade, sobre o que significa ser galego ou galega, do que define Galicia. Un exercicio acompañado por unha boa dose de humor.

O mércores 18, pola súa banda, e dentro da tradicional colaboración do Concello co Cineclub Ádega, proxectarase no Salón García a proxección de A Virxe Roxa, un documental do arousán Marcos Nine sobre Aurora Rodríguez Carballeira, que no ano 1933 matou á súa filla Hildegart, unha reputada intelectual, metres durmía.

E no medio de toda esta actividade, unha cita imprescindible: a celebración do festival de Nós de Sobradelo, que chega a súa edición número catorce. Será o domingo 15 diante do auditorio.