O Trivium CLB conquista o ascenso á Primera División Femenina

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

BaloncestoEste domingo pelexará co PBB de Porriño polo título de campión de Liga

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Festa rachada a que se viviu a última hora da tarde do domingo no parqué e nas gradas do Pavillón Municipal Número 1 de Fontecarmoa. Festa rachada polo histórico ascenso do Trivium CLB, o equipo sénior feminino do proxecto de canteira que comparten o BBC e a Agrupación Deportiva Cortegada, á Primera División Femenina. A liga que debuxa a base da pirámide de catro categorías coa que conta o baloncesto feminino español desde a creación, na temporada que está a rematar, da Liga Challenge.

Para conseguir o ansiado ascenso, obxectivo confesado polo seu adestrador, Javi Nogueira, o Trivium CLB viuse na obriga de gañar dous partidos en cuestión de menos de oito horas. Superando na xornada matutina ao Maristas Coruña, 64-57. E dobregando pola tarde o Universitario Campus Ourense, o mellor equipo do seu grupo na fase de clasificación para final a seis da que saíron os dous novos cadros galegos da Primera División Femenina, e que pola súa actuación na liguiña precedente estaba eximido de competir pola mañá, coa correspondente vantaxe. O cadro vilagarcián gañou 50-61.

Co ascenso na man, as de Javi Nogueira vestiránse de curto por última vez esta temporada o vindeiro domingo. Ás 12.30, co PBB de Porriño como rival polo título de campión da Primeira Autonómica Feminina Galega 2021/22. Como o Trivium CLB, o cadro porriñés tivo que gañar dous partidos o pasado domingo. A primeira hora da mañá, endosándolle un 81-59 ao Bosco Salesianos. E a primeira hora da tarde, superando 51-66 o Baxi Ferrol e demostrando antes da saída á cancha do cadro anfitrión que o desgaste dun partido matutino ante un rival descansado non era obstáculo para a vitoria.

Agás a veterana Andrea Ríos (30 anos), incorporada o pasado Nadal, o resto do cadro de xogadoras do Trivium CLB está composto por rapazas moi novas. Oito delas, séniores entre os 18 e os 21 anos de idade, apuntaladas por catro júniores. Claro que, das trece baloncestistas que participaron nos dous encontros do pasado domingo co cadro vilagarcián, a presenza na dinámica de traballo diario do conxunto de Liga Femenina 2 de catro delas dá fe da súa calidade. É o caso da mencionada Andrea Ríos, da á-pívot Irene Montenegro e mais das inda júniores Clara Ríos (base) e Carla Rodríguez (aleiro), esta última no primeiro ano da última categoría de formación.

Javi Nogueira, que esta temporada compaxinou a dirección técnica dos equipos séniores femininos da A.D. Cortegada e do CLB, comentaba onte que os dous triunfos do Trivium o pasado domingo foron moito máis claros dos que reflicten os marcadores finais, iniciando o derradeiro cuarto con vantaxes por enriba dos dez puntos.

O adestrador vilagarcián salienta a relevancia do conseguido: «Creo que es importante para el club, sobre todo para el primer equipo —o Mariscos Antón Cortegada—, porque el salto de Primera Autonómica a Liga Femenina 2 es muy grande» e a dispoñibilidade dun segundo equipo na Primera División Femenina permitirá ir curtindo a xogadoras con necesidade dun maior tempo de maduración e que se adapten sen présas de cara a ver as súas posibilidades de axudar e mesmo asentarse no cadro da LF2.

Sara capitaneara a anterior experiencia

Un dato dá conta da dimensión do conseguido polo Trivium CLB. No Cortegada recordan que o club só contara noutra ocasión con equipo na Primera División Femenina, dúas décadas atrás, con Sara Gómez xogando nel inda xuvenil.

No CLB coinciden en ver moi factible o salto de categoría a nivel económico e en manter a filosofía

Tocará reunirse e facer todos os cálculos poñéndoos negro sobre branco. Pero tanto no BBC como na Agrupación Deportiva Cortegada, as dúas patas do proxecto CLB tras a disolución da sección de baloncesto do Liceo Casino, daban onte practicamente por feita a materialización do ascenso que as pupilas de Javi Nogueira conquistaban o pasado domingo no parqué do Pavillón Municipal Número 1 de Fontecarmoa.

«Hai que moverse, buscar axudas, pero pola parte do Cortegada estariamos de acordo con que o equipo sénior feminino do CLB competise en Primera División», afirmaba onte o vicepresidente do Cortegada, José Gorgoso.

Na mesma liña, o presidente do BBC e primeiro directivo da estrutura CLB, Isidoro Canabal, declaraba: «Nós estamos encantados co ascenso. Hai que facer números, pero no tocante aos custes federativos, arbitraxes, licenzas, seguro, aval..., non é que suba moito e iría moi parello aos custes do equipo masculino de Primeira Autonómica». O principal gasto a maiores serían os arredor de 4.000 euros que, de primeiras, calcula Canabal, custarían as viaxes a Asturias e a Castela-León, comunidades agrupadas xunto a Galicia na Liga da cuarta categoría do baloncesto feminino español.

Todas as partes, directivos e técnico, coinciden en que o salto de categoría viría acompañado do mantemento da filosofía deste segundo equipo sénior feminino, con rapazas saídas da base do CLB.