«O que os adolescentes necesitan é ser escoitados, non un teléfono móbil»

leticia castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

LETICIA CASTRO

A orientadora Matilde Molina traballa o benestar emocional co alumnado do IES As Bizocas do Grove

26 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Intervir sobre o benestar emocional dos estudantes semella necesario tendo en conta que os rapaces veñen de vivir momentos complicados nunha pandemia sen precedentes. Unha situación que tamén fixo aflorar outros medos que non estaban demasiado latentes e que pouco ou nada teñen que ver con cuestións académicas. Así o sinala a orientadora do IES As Bizocas de O GroveMatilde Molina Ferragut, quen asegura que os alumnos acoden a ela non só para pedir auxilio sobre cuestións relacionadas cos estudos, senón tamén para falar dos seus problemas persoais. «A miña porta está aberta sempre, sobre todo nos recreos, e é raro o día que non ven ninguén».

Unha demanda de atención que non deixa de medrar, e que pon de manifesto as eivas da sociedade contemporánea. «Cremos que os problemas se arranxan con obxectos, mercándolles aos fillos o móbil de última xeración, pero resulta que o que máis necesitan é ser escoitados», explica ,consciente de que os alumnos o están pedindo a gritos. Foi precisamente este motivo o que os levou a propoñer o Programa de Intervención para o Fomento do Benestar Emocional, un traballo realizado pola orientadora e que foi impulsado pola pedagoga Patricia Taboada, que nese momento cursaba as prácticas de orientación do seu mestrado no instituto grovense. Taboada foi a responsable de deseñar as liñas deste plan de benestar emocional, que comezou a aplicarse o ano pasado en catro aulas, e nestes intres xa implica a todo o alumnado, tras acadar financiamento por parte da Xunta, a ANPA e o propio centro.

A actividade, que é de carácter obrigatorio, faise en horas de titoría, e require de traballo directo cos estudantes a través de sociogramas e outros exercicios que teñen como obxectivo ofrecer ferramentas para a xestión emocional. É unha boa maneira de detectar tamén problemas relacionais dentro da propia aula, tal e como sinala Molina, xa que adoita ser frecuente que as dificultades de comunicación deixen sen resolver problemas entre os compañeiros «que veñen de moi atrás», apunta a orientadora.

Parece primordial abordar o tema emocional neste período de tránsito entre a infancia e adolescencia, no que existen múltiples conflitos por resolver, moitos deles, asegura Molina, derivados das redes sociais e dos influencer, que son hoxe un espello onde se miran moitos rapaces.

Problemas coas redes sociais

Desta falla de comunicación e deses exemplos que exercen un enorme poder xorden trastornos como anorexias, bulimias e outro tipo de manifestacións, como os cortes no corpo, un costume que cada vez é máis común entre as rapazas. E, por desgraza, Molina é testemuña dalgún destes casos. «Antes os adolescentes expresaban o seu malestar pelexándose, pero hoxe en día todo se leva ao ámbito da imaxe corporal», relata a orientadora. Así que esa angustia debe canalizarse e iso maniféstase no corpo. Ao parecer, ese corte físico, superficial, lévaas a sufrir menos angustia a nivel psíquico. Hai moito traballo por facer, pero axudalos a soltar e poder traballalo é moi positivo, e así o percibe o alumnado, que atopa en Matilde un apoio que resulta complicado obter ás veces por outras vías. Oxalá houbese máis programas así.