Da ditadura dos partidos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Sandra Alonso

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixei pasar uns días para falar con distancia do proceso de elección como presidente do Partido Popular de Alberto Núñez Feijoo, que deixa Galicia cando parecía a piques de dar unha reviravolta histórica. E propoño, simplemente, unha reflexión teórica, porque en estados de necesidade imponse a praxe. En síntese: Logo das eleccións lexislativas percibiuse que Pablo Casado non parecía un dirixente para que o PP volvese ganar eleccións, nin o seu equipo mantiña unha liña que xuntase as potencialidades desa formación. Nesa situación convocaron un congreso extraordinario ad hoc para entronizar como novo líder ao presidente da comunidade autónoma galega, avalado, nin máis nin menos, por pragmatismo e unha chea de declaracións sensatas e sen nada excesivamente novo no ideolóxico —non sendo as súas palabras sobre o galego e a organización territorial, que non é cuestión menor—.

Agora é presidente do PP sen poder intervir nas Cortes, pero desde esa dirección do seu partido dá instrucións a deputados e senadores, que o obedecen. Ademais foi recibido polo presidente do Goberno ao que fixo propostas diversas, incluídas variacións lexislativas e ata ofreceu novas coalicións. Asume el mesmo estas iniciativas, e non , por exemplo, a súa portavoz parlamentaria. A cuestión que traio aquí é se esta situación —que ocorre na maioría dos países cando hai un cambio abrupto de dirección dun partido no medio dunha lexislatura— é unha mostra da ditadura dos partidos, que semellan, digamos, suplantar ao poder lexislativo elixido democraticamente. A ver: segundo a Constitución, as Cortes Xerais representan o pobo español e deputados e senadores non están obrigados por mandato imperativo —que, entre outras cousas, quere dicir que non son apoderados de ninguén, nin sequera do seu partido, senón que só están vinculados ao corpo electoral—. Que ocorre, pois, na actual situación do PP? Moi sinxelo: as decisións e propostas que fai saen da rúa Génova, están a ser tomadas fóra do Parlamento e deputados e senadores son simples actores que transmiten a vontade da dirección do seu partido, que hoxe en día carece de lexitimidade popular.

Iso quere dicir que se teatraliza a vontade popular expresada a través das eleccións, e, polo tanto aparece unha institución, un partido político, que se coloca por riba —manexándoos— dos seus representantes no poder lexislativo elixido democraticamente. E a pesar de que a Constitución (artigo 67.3), di que os deputados e senadores non están sometidos a mandato imperativo de ninguén, esa elección dunha nova dirección e o cambio de estratexia política —acertada seguramente— unidos á disciplina de partido contradín esa prohibición constitucional porque o PP —e outros partidos no seu caso— aplica a obediencia partidaria como mandato imperativo.

En España, o Constitucional tocou tanxencialmente este tema cando tratou o transfuguismo, e sentou que o escano é do representante e non do partido. En Italia, a Corte Costituzionale afirmou que os parlamentarios non teñen obriga de atender instrucións dos partidos, por moito que estes queiran que sexan vinculantes. A realidade é que se impón a hexemonía do partido fronte á lexitimación popular obtida a través das eleccións para o poder lexislativo. E así, nun caso como o que nos ocupa, un equipo novo de dirección partidaria, designado na metade dunha lexislatura, dá ordes e cambia cargos e dinámica dos grupos parlamentarios do PP. É dicir: aínda que a Constitución prohibe o mandato imperativo aos representantes elixidos democraticamente, estes sométense, tamén para salvar o seu propio futuro, ás decisións tomadas extraparlamentariamente e converten aos partidos políticos nos verdadeiros titulares da soberanía popular.

Neste caso concreto aparece con claridade: o presidente Feijoo non ten lexitimidade popular; só posúe lexitimidade outorgada polos afiliados do PP para dirixir ese partido. A lexitimidade popular téñena deputados e senadores elixidos cun programa político concreto que, sen embargo, estanse a someter ás propostas do novo líder, estean ou non previstas no programa co que se presentaron diante dos electores.