¿Un Día das Letras Galegas para Plácido Castro?

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

D. S.

A concelleira de Cultura de Vilagarcía propuxo a idea ao secretario xeral de Política Lingüística no descubrimento da placa que honra o intelectual

23 abr 2022 . Actualizado a las 00:41 h.

Dende o mundo de hoxe, semella impensable que alguén, hai xa noventa anos, puidese darlle a Galicia a proxección exterior que Plácido Castro, corcubionés, responsable de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, foi quen de acadar para o seu pequeno país. Sen ir máis lonxe, no Congreso dos Grupos Nacionais dentro dos Estados Europeos, que Berna acolleu en 1933. De non ser polo labor da fundación que leva o seu nome, nesta esquina pasaría totalmente desapercibido outro fito de enorme relevancia simbólica e material: o 75 aniversario da primeira emisión, dende Londres, do Galician Programme, o espazo periódico que a poderosa BBC dedicou á lingua galega. Nun momento, 1947, no que España enteira abafaba baixo a negra mordaza do franquismo, e calquera intento por facer aquí algo semellante daría cos seus promotores no fondo dun calabozo, cando non nun cadaleito. Nese mesmo programa de radio traballou Castro a partir de 1949, cando retornou ao Reino Unido no que se formara de mozo, farto da inhabilitación absoluta durante quince anos á que a ditadura o condenara en 1940 pola súa militancia galeguista.

Plácido Castro é unha das figuras máis descoñecidas daquela xeración que sentou as bases da recuperación da conciencia propia e da modernización de Galicia, truncada pola Guerra Civil. Dende onte, cando menos, unha placa lembra a súa memoria na fachada do centro no que impartiu clase nos seus últimos anos de vida: o vello Instituto Laboral de Vilagarcía, hoxe sé do IES Castro Alobre e do colexio Anexo A Lomba —nel se desenvolveu esta homenaxe, adiada pola pandemia—, entón integrados nunha mesma institución educativa.

Máis aló da presenza da fundación, representada por Susi Castro, unha das fillas do intelectual galego, e varios dos seus familiares, o recoñecemento institucional caeu da parte do Concello de Vilagarcía, a través das concelleiras Sonia Outón, Tania García e Luz Abalo. Mais tamén da Xunta, na figura do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e do xefe territorial de Educación, César Pérez.

Foi a docencia, explicou Susi, unha vocación tardía no seu pai, decidida no seu segundo retorno do Reino Unido. Pero, por iso precisamente, máis madura e meditada. O seu labor no instituto vilagarcián, como profesor de inglés, foi recoñecido por un dos seus alumnos, Carlos Puga, que lembrou como el mesmo creou o seu propio material didáctico para o que hoxe sería o inglés aplicado a un ciclo de formación profesional. Pero foi a concelleira de Cultura de Vilagarcía quen pronunciou a fórmula máxica: «Por que non dedicarlle un Día das Letras Galegas a Plácido Castro?».

Poesía, ensaio, xornalismo, tradución, un meritorio achegamento á cultura irlandesa... Material que defenda con solvencia a súa consagración á lingua galega non falta. Valentín García non dixo nin si nin non, aínda que gabou a vocación galeguista dun home que puido buscar o seu futuro en calquera outro país. A dedicatoria non depende da secretaría, senón da Real Academia Galega, pero algo influirá. Así que a pregunta fica aí: por que non?