«Valentina» ou o mellor filme de animación para fomentar a inclusión entre os nenos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

224 nenos de Vilagarcía poderán ollar a película de Chelo Loureiro sobre a viaxe máxica dunha nena con síndrome de Down

20 abr 2022 . Actualizado a las 10:03 h.

Valentina non é unha película sen máis. O filme, de factura galega, fíxose o ano pasado co Premio Goya á mellor longametraxe de animación. Dirixida por Chelo Loureiro, esta fermosa historia está protagonizada por unha nena con síndrome de Down que pensa que nunca chegará a ser trapecista. Porén, ao longo dunha viaxe máxica descubrirá todo o que, en realidade, é quen de facer e aprenderá que nunca debe perder a ilusión nin as gañas de coñecer. O traballo relata o xeito no que Valentina aprende, se relaciona e evoluciona. Como calquera outra persoa, sen fomentar nin compaixón nin admiración, senón algo moito máis fondo e xenuíno: a empatía e o respecto.

Toda a súa carga de valores vai ser aproveitada pola concellería de Educación de Vilagarcía para fomentar a inclusión entre 224 pequenos alumnos de diferentes centros educativos da cidade, que hoxe teñen a ocasión de ollar a película no auditorio municipal da capital arousá. O departamento que dirixe Argimiro Serén distribuíu entre os colexios unha serie de unidades didácticas deseñadas, especificamente, para abordar esta cuestión a través dos contidos do filme. Este material foi o que permitiu que os profesores e os nenos, de 3.º curso de Primaria, traballasen previamente nas aulas.

A longametraxe predica co exemplo. Valentina foi dobrada por dúas mozas de doce anos con síndrome de Down: Lucía Serén, na versión en galego, e Josephine Lockhart, na castelá. Nani García, Emilio Aragón, María Manuela, Uxía, Pilocha e Andrés Suárez colaboraron no eido musical.

Chelo Loureiro, con el Goya en la mano

Chelo Loureiro: «Non sabemos relacionarnos coas persoas con discapacidade por ignorancia, descoñecemento, desleixo ou, peor, por desprezo»

Héctor J. Porto

Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) está feliz, non só polo Goya concedido a Valentina, senón polo que, entende, foi unha noite supergalega, os nomeados, o ambiente, a xente que entregaba as estatuíñas [Luis Zahera fíxose escoitar co seu convite a Luis Tosar para que, postos a interpretar malvados, encarne a Putin], os invitados, a música. «Sentímonos moi a gusto —di—. E o cénit foi escoitar a Luz Casal, que estivo inmensa interpretando Negra sombra e elixindo unha peza galega nunha gala que se celebraba en Valencia e que era para toda España, e no momento máis emotivo da velada» (no in memoriam).

Seguir leyendo