O C.X. Fontecarmoa pelexará co Ourense polo título de División de Honra

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O equipo arousán recibirá en Vilagarcía o sábado 23 o outro campión de grupo

06 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Club Xadrez Fontecarmoa-Viajes Interrías Sanxenxo pechou a pasada fin de semana a fase regular da Liga da División de Honra, a máxima categoría das competicións por equipos do xadrez galego. Fíxoo cunha axustada derrota, 3,5-2,5, no local de xogo dun E.L.X. Restaurante Catro Rúas de Lugo que se xogaba evitar o paso pola promoción de permanencia e que fixo da necesidade virtude. Con todo, o conxunto vilagarcián chegou á sexta e última rolda do calendario cos deberes ben feitos, completando a Liga como o mellor dos conxuntos do Grupo A con catro vitorias, un empate e a derrota apuntada, para un total de 26 puntos, 2,5 máis cá Padronesa.

Deste xeito, o cadro arousán gañou o dereito a disputar a final polo título da División de Honra co mellor equipo do Grupo B —esta temporada os competidores da máxima categoría foron divididos en dous grupos por imperativos da pandemia—. O Xadrez Ourense, que a pasada fin de semana completaba o seu calendario particular da mesma forma e idéntico resultado ao rexistrado polo C.X. Fontecarmoa-Viajes Interrías Sanxenxo, visitará Vilagarcía o sábado 23 de abril para o enfrontamento no que os locais pelexarán por conquistar o que sería o segundo título autonómico da súa historia, logo do acadado no ano 2014. Encabezado polo internacional español e residente en Alemaña Iván Salgado, o Xadrez Ourense parte como favorito, dada a ampla dispoñibilidade de grandes xogadores foráneos que manexa en nómina.

Polo que respecta ao resto dos equipos do C.X. Fontecarmoa, salientar o terceiro posto asinado polo Deportes Rodas no Grupo C da Primeira División, a categoría de prata, xusto por enriba do Dorna Vengarco da Illa. Na Segunda, Grupo G, o Breogán rematou terceiro o Albariño sexto e último.