A cambadesa Uxía Rodríguez roza o podio na prestixiosa Cascais Beach Cup

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Rematou cuarta coa mesma puntuación cá deportista que se colgou o bronce no dobre minitramp na categoría de 11 e 12 anos

06 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 12 anos, pero unha prometedora carreira por diante nun deporte presente no programa das últimas edicións dos Xogos Olímpicos. A cambadesa Uxía Rodríguez Fernández vén de comezar unha nova temporada no mundo da ximnasia de trampolín cun excelente resultado. Rozando a pasada fin de semana o podio na Cascais Beach Cup, competición internacional de referencia na súa disciplina deportiva, con presenza de competidores de todo o mundo.

En Portugal, Uxía Rodríguez Fernández finalizou na cuarta posición na especialidade de DMT, o dobre minitramp, na categoría de 11 e 12 anos. Nun cadro de competición con 61 participantes, e logo de acceder á final, a arousá conseguiu a mesma puntuación cá rapaza que se colgou o bronce, rematando a tan só unha décima da deportista polaca que se fixo coa prata.

Vixente campioa de España da modalidade de tumbling e subcampioa da de dobre minitramp da súa categoría de idade, Uxía Rodríguez Fernández aspira a facerse coa representación de España nas grandes citas desta temporada.