Empregar o galego abre a porta para xantar en catro dos restaurantes do Grupo Nove

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

Denis Estevez

18 concellos fundan a asociación Alingua, que lanza unha campaña de fomento do idioma cun sorteo para asistir a Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado

31 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Alingua, a Asociación de entidades locais pola Lingua Galega. Naceu en Compostela o 21 de marzo como alianza entre 18 concellos do país para colocar o galego no centro da vida persoal e colectiva. Onte elixiu a súa primeira directiva nunha asemblea celebrada en Rianxo. A primeira das súas iniciativas consiste nunha potente campaña de difusión da súa mensaxe a través de contidos en medios de comunicación e redes sociais co respaldo de nomes sobranceiros do eido da cultura. Pero tamén conta con promocións concretas e saborosas, coma un sorteo para acudir a xantar a Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira ou O Balado, catro dos restaurantes que forman parte do Grupo Nove e asumen o compromiso co idioma propio de Galicia.

O Concello de Vilagarcía é un dos fundadores de A Lingua, xunto cos municipios de A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago e Teo. Un dos seus obxectivos estriba, precisamente, en «canalizar as colaboracións que xa se estaban dando para aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as Administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua».

A campaña preséntase baixo o lema Alingua aí! e a colaboración das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman, a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o cómico Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. E mesmo vén de acuñar un verbo transitivo, alinguar, que significa empregar a lingua propia cunha vontade expresa de autodefinición.