Derrota ante o líder dun Mariscos Antón sen tensión (45-60)

AROUSA

Wanyama foi a única local que mantivo o tipo ante o Costa de Almería

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con media hora de retraso comezou na tarde de onte o partido entre o Mariscos Antón Cortegada e o líder do Grupo A da Liga Femenina 2, o Ingenia Solar Energy Costa de Almería. Un problema coa aplicación da Federación Española de Baloncesto coa que se rexistran as estatísticas durante os encontros obrigou a agardar, sen éxito porque acabou que terse facendo as cousas á vella usanza, co bolígrafo e papel. Só que, cando comezou finalmente o choque, o groso das xogadoras de Javi Nogueira semellaban seguir inda en estado de espera, pagándoo cun 45-60 no marcador tras os 40 minutos de xogo.

Sen tensión, o conxunto vilagarcián foi presa fácil do mellor equipo da Liga. Primeiro, polo acerto extraordinario do cadro andaluz no primeiro cuarto, sobre todo desde máis aló da liña de 6,75, con mención especial para a súa base arxentina, Macarena D’Urso. E despois, pola demostración por parte do Ingenia Solar Energy Costa de Almería do porqué da súa condición de mellor defensa do campionato, alternando varios tipos de zona para afogar o baloncesto ofensivo do Cortegada. Só Mercy Wanyama deu o do de peito entre as filas locais, tomándose o partido como se o cadro vilagarcián tivese inda algo importante polo que pelexar na Liga.

Unha Liga que a vindeira semana levará ao Cortegada á cancha coruñesa do Maristas antes de pechar a temporada de volta en Fontecarmoa fronte ao Unicaja.