Celia Castro corre o Campionato de España de Pista Cuberta Sub 16

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A cambadesa da Agrupación Atlética Mazí parte en Sabadell coma terceira mellor marca nos 600 metros

26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A deportista cambadesa da Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía de Arousa, Celia Castro, disputa esta tarde en Sabadell o Campionato de España de Pista Cuberta Sub 16. Faino na proba dos 600 metros lisos, con bos motivos para verse non só na final de mañá domingo senón tamén para pensar en poder optar ao podio.

O 1.37.62 co que a cambadesa chega á cita nacional é a terceira mellor marca das 21 atletas que conseguiron a mínima para participar na gran proba de peche da temporada de pista cuberta nos 600 metros lisos. Un dato ao que Celia Castro suma o seu recente récord galego na proba dos 300 metros e os seus dous títulos autonómicos este curso, nos 60 e nos 600.

Para acceder á final, a pérola da Agrupación Atlética Mazí debe gañar a súa semifinal ou ben facer un dos tres mellores tempos á marxe das vencedoras das series de clasificación. Celia Castro viaxou a Sabadell acompañada polos dous responsables técnicos do club, Verónica Cores e Isidro Fernández.