Lucía César Veloso abandona o pleno de Vilagarcía logo de seis anos coma concelleira do BNG

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Lucía César Veloso, no medio da imaxe, con Xosé Leirós á súa esquerda
Lucía César Veloso, no medio da imaxe, con Xosé Leirós á súa esquerda MARTINA MISER

Os nacionalistas completan na persoa de Xosé Leirós o recambio dos seus principais voceiros municipais en Arousa

09 mar 2022 . Actualizado a las 21:05 h.

En novembro pasado, Víctor Caamaño e Heladio Outeiro anunciaban as súas respectivas renuncias ao liderado municipal do BNG en Cambados e O Grove. Xa entón todas as olladas apuntaron a Vilagarcía, preguntándose polo futuro de Lucía César Veloso. A voceira dos nacionalistas vilagarciáns levaba meses traballando lonxe da cidade, e quen máis quen menos deu por feito que o dela sería o terceiro recambio nas filas do Bloque. Aínda que non foi así, a súa renuncia tampouco non tardou en chegar. A portavoz vén de presentar a súa dimisión coma concelleira, poñendo fin a un ciclo de seis anos. Será o número 2 da candidatura que concorreu ás eleccións do 2019, Xosé Leirós, quen desempeñe a acta que ela deixa baleira.

Lucía César incorporouse ao pleno en outubro do 2015, apenas iniciado o primeiro mandato do socialista Alberto Varela, para substituír a María Villaronga. O BNG defendía dous concelleiros e, se ben Xabier Ríos mantívose coma voceiro, na formación nacionalista sopraban xa ventos de cambio. Unha vez que se confirmou que ela sería a candidata á alcaldía nos comicios do 2019, Ríos renunciou, convertendo a Xosé Leirós en concelleiro. Era a súa unha segunda acta que o Bloque perdeu naquela cita coas urnas.

A xa exvoceira quixo expresar a súa «honra por ser concelleira todos estes anos», labor do que a súa situación laboral rematou por apartala. Leirós, cabeza da Coordinadora de Emigrantes Retornados, asume o relevo prometendo «traballo arreo por unha Vilagarcía de Arousa mellor».