Turismo quere que o Belén de Valga opte a ser de Interese Turístico Nacional

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Nava Castro visitou esta semana a instalación, que en Nadal foi vista por unhas 25.000 persoas

23 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o luns pola noite o Belén Artesanal en Movemento de Valga. «Unha xoia», dixo, que «merece que toda España o vexa e o coñeza». Seguindo ese argumento, a responsable de Turismo animou ao Concello a lle dar un novo pulo á solicitude de declaración de Interese Turístico Nacional. Nava Castro, ademais, fixo especial fincapé na evolución do nacemento durante os últimos anos, cunha mellora constante.

«O que vin hoxe non ten nada que ver co que había a primeira vez que vin. É un orgullo ver que as axudas concedidas pola Xunta serviron para ir mellorando ano a ano», sinalou. Nesta última visita, por exemplo, comprobou o uso dado pola asociación que cada ano elabora o Belén aos 18.000 euros dunha subvención. Eses cartos se investiron na adquisición dun compresor, unha serra de ferro, un soldador, unha máquina tupi para carpintería e un equipo de iluminación para facer os efectos da noite e o día.

Máis aló da visita de Nava Castro, cómpre sinalar que o Belén Artesanal en Movemento de Valga aínda pode ser visitado. Iso si, os grupos que queiran velo deben reservar cita no teléfono por grupos solicitando cita no número de teléfono 630 95 25 15. O nacemento ben merece unha visita, e diso dan boa conta as 25.000 persoas que asistiron a velo durante a tempada de Nadal.