«Unirme a Dakidarría pode parecer unha tolemia, pero, total, xa estaba medio tolo»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Non podía dicir que non. Ademais de estudar en Donostia e manter TNT activo, Iñaki Fernández xa é un máis da gran familia do ska galego

18 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pertenza de Iñaki Fernández Manteca (Vilagarcía, 2002) á familia Dakidarría ficou selada cun verso de Terra (Utopías Emergentes, 2011): «Ir vendo crecer a Iñaki a golpes de rocanrol», un aceno expreso neste auténtico himno cara un meniño que, malia ter entón apenas nove anos, levaba xa tempo gozando coa súa música e os seus concertos. O mesmo Iñaki que fundou TNT Band e vén de se converter no novo guitarra da grande banda do ska punkarra galego, tal e como os seus membros anunciaron no seu perfil de Facebook hai só uns días.

—O momento non pode ser mellor, cun disco a piques de saír a rodar e outro adianto que, se non me trabuco, xa estará hoxe dispoñible nas plataformas.

—Iso é. Hoxe tócalle a Somos Nós, un poema de Manuel María musicado. E o venres que vén sae o disco, Colaxe.

—Hai algunha guitarra túa en «Colaxe»? Porque a incorporación é moi recente, non?

—Non, non hai. As guitarras son de Gabri, de Simón, que é a quen eu substitúo, e doutro rapaz que fai uns arranxos. Non tiven tempo, claro. Tan recente que me chamaron en xaneiro.

—Non é a primeira vez que tocas con eles. Aí está aquel tema gravado en directo nas Revenidas.

—Si, saíra tocar un temiña. Tamén toquei en Compostela, no último concerto antes da pandemia, tamén para suplir a Simón.

—Vai todo como moi natural.

—É que son moitos anos. O que pasou foi que o meu pai viu a Dakidarría nun Extremusica. Acababan de quitar o segundo disco. Gustoulle o grupo, e púñao sempre no coche. Eu tería seis anos, fomos de cámping e tocaban en Catoira. Debeulles de facer graza que me soubese as cancións, déronme unha camiseta asinada. Recoñecéronme noutro concerto tempo despois. E creo que dende aquela vinos todos os anos.

—Oes, e como foi a chamada?

—Sen máis. Simón tivo unha filla e varios compromisos, e pensou que non podería seguir o ritmo. Contactaron comigo. Eu falei con TNT Band, por se lles parecía ben. Non puxeron ningún problema e, aínda que vai supoñer un esforzo notable, é o que quero facer e estou encantado.

—Isto do esforzo terá moito que ver co feito de que esteas estudando en Donostia.

—Estou. No Musikene, o centro superior de música do País Vasco. Facendo guitarra clásica.

—E TNT seguen activos.

—Seguimos, si. En xaneiro gravamos un par de temas. A ver como cadramos as datas, pero nos ocos que teña seguiremos tocando. Temos dous bolos na Coruña e en Catoira en Semana Santa.

—Pois semella de tolos, porque agora un disco pide unha xira.

—Non están anunciadas as datas, pero hai bastantes cousas pechadas. Ten boa pinta o verán. Xa estivemos ensaiando hai dúas semanas, e esta finde tamén volvo para ensaiar outra vez. E logo, moito traballo online coas pistas dos ensaios. Maki, o batería, é de Valencia. Os demais, porque somos nove, están en diferentes puntos de Galicia, e todos teñen cousas. Parecerá unha tolemia, pero, total, xa estaba medio tolo. Tentarei facelo o mellor posible.