O ciclocrós de Ribadumia entra no calendario mundial

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O Club Ciclista Ribadumia organizará a carreira internacional o 15 de outubro
O Club Ciclista Ribadumia organizará a carreira internacional o 15 de outubro MONICA IRAGO

O club local busca patrocinios que cubran a multiplicación por cinco do custe da proba

16 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Federación Galega de Ciclismo presumía onte de que a comunidade «dá outro salto no calendario internacional de ciclocrós». Facíao nunha nota de prensa na que informaba do paso de dúas a cinco probas do país no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI); isto é, puntuables para o ránking mundial da especialidade. E entre esas tres novas carreiras figura a que será a segunda edición do ciclocrós que o pasado mes de novembro organizaba o Club Ciclista Ribadumia.

Este ano a cita arousá adiántase ao sábado 15 de outubro, encaixada nos nove días nos que Galicia encadeará as súas cinco probas UCI, con inicio o día 8 no Gran Premio Cidade de Pontevedra, a XaxanCX de Marín o día seguinte, o Ciclocrós Internacional Lago das Pontes o día 12, e con remate o domingo 16 no Con da Romaíña-Concello de Sanxenxo. A primeira de categoría C1 e as restantes C2, coas tres últimas estreándose no calendario mundial.

O presidente do C.C. Ribadumia, Javier Pombo, explicou co club solicitou a condición internacional da súa proba movido pola Federación Galega e ante o apoio do Concello. Todo, a raíz do éxito da carreira que organizaron o pasado novembro impulsada polo recordo do Campionato de España de Ciclocrós feito no 2006 na localidade arousá e que reuniu no 2021, inda en plena pandemia, a máis de 300 ciclistas nun evento da Copa Galicia e puntuable para o ránking nacional español.

«A Federación empezounos a insistir dicíndonos que Ribadumia era un sitio ideal para facer unha proba internacional. O Concello tamén nos apoia e dimos o paso», conta Pombo. Con todo, o presidente do C.C. Ribadumia é consciente de que agora lles toca un segundo paso case ou igual de complicado cá concesión da UCI. Máis aló de repetir o inestimable respaldo de Kiwi Atlántico, sumar novos patrocinadores cos que reunir os 10.000 euros que calculan custará organizar a carreira; cinco veces máis cos gastos manexados na primeira edición de novembro. Todo, para poder ver en acción a algúns dos mellores especialistas europeos de ciclocrós que, prevé Pombo, elixirán a semana fantástica galega para comezar rodar no inicio de temporada, co groso das probas UCI nuns Estados Unidos a desmán antes de encarar a parte central do calendario.