
As zonas arqueolóxicas declaradas BIC dispoñen de espazos museísticos para o seu mellor coñecemento público
13 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Inexplicablemente a magnífica nova da incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural, como Zona Arqueolóxica, ao espazo definido por Castriños-Adro Vello-A Barcela-Igrexa de San Vicente foi recibida tepedamente no Grove, sen o entusiasmo que merece esta tramitación polo futuro que pode abrir. Pese a iso, resulta sen dúbida unha moi boa noticia que debe obrigar ás distintas Administracións públicas con competencias alí a facela visitable e musealizala —empezando xa— e sen que se lles poida ocorrer utilizar este necesario proceso técnico para un posicionamento ideolóxico absurdo: trátase dunha cuestión de porvir, de sensibilidade, de coñecementos, dunha importancia que excede do municipio grovense. En Galicia hai declaradas na categoría de Zonas Arqueolóxicas unhas catorce. Fagamos un pequeno repaso do proceso das máis achegadas á nosa comarca. A primeira delas é a dos Gravados rupestres de Campo Lameiro: incoouse o 16 de abril de 2001 e declarouse o 1 de xullo de 2002; na tramitación non apareceron dificultades. Na actualidade está musealizada, cun edificio senlleiro, integrado no entorno. A declaración do Castro de Neixón, en Boiro, empezouse no 2009 e rematouse en 2011. Houbo atrancos na tramitación: a Consellería incoou o expediente como monumento e durante a exposición pública presentáronse alegacións no sentido de considerar que a figura de amparo correcta era precisamente a de Zona Arqueolóxica. Ademais, as escavacións realizadas simultaneamente coa tramitación descubriron novos achados e obrigaron a ampliar o perímetro; agora conta co Centro Arqueolóxico do Barbanza. A clasificación do Castro do Facho de Donón, na Costa da Vela, incoouse no 2011 e declarouse no 2013, tamén con cambios con respecto á proposta inicial porque foi preciso ampliar a zona para dar cabida aos descubrimentos que ían aparecendo hasta conformalo no actual estado: cincuenta vivendas castrexas, murallas e o santuario do deus Berobreo, un dos templos de peregrinacións máis antigos de España, con 174 aras dedicadas a tal divindade, nunha paisaxe espectacular. A declaración como BIC do Castro de Baroña iniciouse o 6 de abril de 2011 e rematouse o 10 de outubro do mesmo ano. Nada fai pensar que o de Adro Vello non siga un proceso similar. O que resulta relevante, en todo caso, é que desde a publicación da incoación no DOG, Adro Vello está protexido do mesmo xeito que se houbese declaración firme e xorde o deber dos titulares dos bens inmobles de cumprir coas obrigas impostas pola lei. Na resolución de incoación faise constar que a área escavade está localizada en zona de domino público marítimo-terrestre, competencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica, sen descartar que o ámbito abarque outras superficies, entre elas a estrada da Deputación, unha vivenda e fincas adxacentes incluídas na Rede Natura. A propia incoación recórdanos que esta Zona Arqueolóxica presenta unha importante afectación pola exposición á intemperie das estruturas exhumadas, con colonización biolóxica, maleza, polo que é necesario intervir para garantir a súa conservación, sendo prioritario realizar labores de limpeza, consolidación e protección dos restos arqueolóxicos descubertos, así como unha necesaria re-escavación para interpretar correctamente a secuencia histórica e construtiva e, consecuentemente, a explicación ao público. É dicir: esta resolución estanos pedindo que non se perda tempo. E ten razón: mentres se tramita o procedemento é preciso, necesario, pórse de acordo e actuar. Urxentemente.