Un positivo en covid obriga a suspender «As que limpan» na Illa

La Voz VILAGARCÍA / AGENCIA

AROUSA

CENTRO DRAMATICO NACIONAL

A obra, producida pola compañía A Panadaría e o Centro Dramático Nacional, mantense en cartel para o día 19 en Vilagarcía

04 feb 2022 . Actualizado a las 14:10 h.

Teatro galego con grandes doses de humor e crítica social. Isto é o que propón As que limpan, a obra de teatro que, producida pola compañía A Panadaría e o Centro Dramático Nacional, chegará ao auditorio de Vilagarcía de Arousa o sábado 19 de febreiro. No seu cerne, os problemas que padecen as camareiras de hotel. A peza, programada a través do convenio do Concello coa Axencia Galega das Industrias Culturais, xa ten as súas entradas á venda en ataquilla.com.

Un cartel pendurado no manubrio da habitación 769 reza: «Por favor, arranxe o cuarto». Cando o veraneante regresa da praia, as camas están feitas, as toallas, limpas, e o baño loce impoluto. Elas son as que limpan, as mans invisibles que carretan ao lombo un modelo turístico cativo, sobre todo para as mulleres sobre as que descansa na súa base. A obra fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Para conseguilo, terán que sufocar a avaricia voraz dos propietarios das grandes cadeas. Hai quen, en definitiva, nunca limpou un váter, e hai quen limpa centos cada mes.

A idea da peza é de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as mesmas tres mulleres que a protagonizan co apoio dramatúrxico de Paula Carballeira.

Entradas á venda

O prezo xeral das butacas é de cinco euros, tres para desempregados, titulares do carné xoven e maiores de 65 anos. A función comezará ás oito do serán.

Esta obra de teatro ía representarse este sábado na Illa, pero houbo que suspender a última hora debido a un positivo en covid no equipo.