O Mariscos Antón Cortegada viaxa a Málaga sen Andrea Ríos, con molestias

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Javi Nogueira recupera a Cris Loureiro e a Zeltia

30 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada voa esta mañá, ás 11.50 horas, desde Santiago destino a Málaga. Faino con tempo para estirar ben as pernas antes de encarar, a partir das 21 horas, o seu partido aprazado co Unicaja. Un duelo adiado o 8 de xaneiro a raíz de varios casos de xogadoras contaxiadas nas filas do conxunto andaluz e que obrigou a Federación Española de Baloncesto a fixar o novo día e hora do encontro, ao non poñerse ambos os dous equipos de acordo.

A FEB escolleu a data que quería o Cortegada e o horario solicitado polo Unicaja, que onte se medía, tamén na súa cancha, desde as 20 horas ao Melilla. O adestrador do cadro galego, Javi Nogueira, encarará o duelo cos reforzos no perímetro de Cris Loureiro e de Zeltia Presas, ausentes nos últimos compromisos de Liga. Pola contra, no xogo interior non poderá contar co concurso de Andrea Ríos, baixa por molestias.

Pésima nova esta última, por canto un dos fortes do Unicaja é a fortaleza física da súa parella de pívots. Xunto a ela, un gran fondo de banco, a calidade de Matoso en funcións de catro, e o perigo exterior de Torreblanca e de Salomé García, esta última, unha das ex xogadoras do Cortegada máis queridas pola afección vilagarciá nos últimos anos. Recuperar a consistencia na defensa e o mando do ritmo resulta hoxe crucial para o Mariscos Antón.