Otero recupera o groso dos seus xogadores pero perde a Porrúa por covid-19

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Pedro García é tamén baixa por sanción e Sidibé é dúbida por problemas gástricos

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O cadro de xogadores do Arousa someteuse onte á obrigada quenda de test de antíxenos para poder continuar coa programación do seu partido semanal na Liga de Segunda División R.F.E.F. A boa nova é que a media ducia de contaxiados a semana pasada, circunstancia que obrigou a adiar o encontro co C.D. Arenteiro, superou a infección e está de novo a disposición de Jorge Otero. A mala nova é que o técnico do conxunto arlequinado encara o choque co equipo tocado.

Ademais da perda de ritmo de tres dos futbolistas que inda superaron o covid-19 esta mesma semana, na que non adestraron co equipo, Jorge Otero suma para o choque deste domingo fronte ao Marino de Luanco á baixa por acumulación de amonestacións de Pedro García a de Pablo Porrúa, que onte deu positivo no control de antíxenos. Ademais, Sidibé era onte dúbida a causa dunha doenza gástrica.

De confirmarse a ausencia deste último, e con Róber inda convalecente, o técnico do Arousa só disporá de 16 efectivos do primeiro equipo. E iso, grazas á alta médica que a mediados desta semana recibiu o porteiro Álex Cobo, fóra dos terreos de xogo desde a súa lesión na segunda xornada.