O alcalde comentou esta concesión declarando que «temos a sorte de que un dos nosos veciños sexa Gustavo César Veloso», para engadir: «Todos os recoñecementos que lle faga o ciclismo a Gustavo serán poucos. E seguro que nos próximos anos imos conseguir que Gustavo traballe neste concello, impulsando que moitos rapaces e rapazas teñan a sorte de afeccionarse ao ciclismo».
Estas palabras levaron a certa confusión. Preguntado polo asunto, Varela aclarou que «non quixen dicir que Gustavo vaia traballar para o Concello», animando á prensa a preguntarlle ao protagonista. Algo que fixo este xornal. Veloso, que está a vivir en Portugal os seus primeiros días como director deportivo á fronte do Mortágua, sinalou que «cando o Concello me pide a miña opinión sobre cuestións de ciclismo, doulla, pero iso non é traballo. O Concello si sabe que quero montar unha escola de ciclismo para nenos, pero agora non teño tempo polo meu traballo de director. É un proxecto de cara ao futuro».