Do esquecido patrimonio natural

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

A lagoa da Bodeira é patrimonio natural que o Concello do Grove non cataloga como tal

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo tempo vituperando o asombroso Catálogo de Patrimonio aprobado polo pleno do Concello do Grove en 2021, afortunadamente rexeitado pola Consellería de Cultura. Ese documento urbanístico é o máis recente na comarca, pero a súa lamentable composición non significa que os demais planeamentos municipais, no que atinxe ao patrimonio cultural, estean adaptados á riqueza existente. Non o están, os diversos patrimonios, que son comúns, son os grandes esquecidos. Quero cerrar hoxe os reproches falándolles doutra das clases de patrimonio: o natural, que conforme á súa definición legal é o conxunto de bens e recursos da natureza, fonte de diversidade biolóxica e xeolóxica, que ten un valor relevante medioambiental, paisaxístico, científico ou cultural. Nos instrumentos urbanísticos dos concellos do Salnés, os espazos que constitúen o patrimonio natural están correctamente sinalizados, ao utilizaren cartografía oficial. Este novo PXOM do Grove na parte gráfica é, tamén, correcto. A Estratexia Territorial Europea de 1999 considerou obxectivos fundamentais da Unión Europea, e por igual, alcanzar un desenvolvemento sostible, a xestión intelixente e a protección da natureza e do patrimonio cultural. A partir de aí establecéronse criterios contidos no Libro Verde sobre a cohesión territorial, na Axenda Territorial da Unión Europea 2020 ou na Estratexia Europa 2020, instrumentos nos que os patrimonios cultural e natural se consideran valores que hai que respectar, conservar e transmitir. Non é unha cuestión menor e vai enlazada coa concepción actual de respecto ao medioambiente, e por iso a lei —e unha conciencia moderna, non especulativa— obriga a incluír no catálogo o patrimonio natural, e a dispor da ficha correspondente a cada espazo. E, por iso, existe a obriga legal de elaborar ese catálogo cos elementos que polos seus valores naturais ou culturais teñan que ser conservados ou recuperados, cunha ficha individualizada de cada un na que se recollerán a identificación, ubicación e delimitación do seu ámbito de protección, descrición gráfica das súas características, estado de conservación e determinacións para a súa preservación, rehabilitación, mellora ou recuperación. O catálogo é moito máis primordial que as determinacións de deseño urbanístico. Infinitamente máis importante. Ademais, o coidado do medio ambiente é obriga de calquera administración pública e unha demanda real da sociedade. Nesa materia, o Reino de España asinou convenios internacionais relevantes como a Convención relativa aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, o convenio relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa, a convención sobre a conservación das especies migratorias de animais silvestres, o convenio sobre a diversidade biolóxica, ou o convenio para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico do Nordeste. Tamén están en vigor Directivas para a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres que constitúen o marco normativo da Rede Natura 2000. O Grove é riquísimo en patrimonio natural, incomparable e de excepcional valor, que constitúe un dos seus sinais de identidade e garantía de futuro. Alí hai Rede Natura, Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e lagoa Bodeira e hai Lugares de Importancia Comunitaria e Zonas de especial protección para as aves. Algúns destes espazos abarcan máis dun municipio, pero a parte incluída no Grove tiña que dispor de cadansúa ficha no Catálogo e, sen dúbida, as que só están no Grove -exemplos: lagoa da Bodeira, istmo de O Vao, tamén piñeiral da Toxa, ou a praia fósil de Castiñeira e un largo etcétera- deben formar parte dese Catálogo. Pois non están. Só aparece a Figueira do Meco. Só, nada máis. Cerrarei hoxe, e por agora, esta serie de artigos tristemente críticos co novo Catálogo do PXOM do Grove, pedindo unha nova redacción, outra exposición pública e a colaboración leal e urxente de todos os grupos políticos e da cidadanía. Queda tempo, dous anos de mandato desta Corporación moza e formada. Farán algo, ben seguro.