O Breogán do Grove pecha o 2021 con sete Deportistas de Alto Nivel recoñecidos polo CSD

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A grovense Marta Mourelos estreouse coma internacional no Mundial de Maratón do 2021
A grovense Marta Mourelos estreouse coma internacional no Mundial de Maratón do 2021 CEDIDA

Marta Mourelos e Diego Domínguez súmanse a Tono Campos, Tania Álvarez, Diego Romero, Noel Domínguez e David Barreiro

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Breogán do Grove informaba onte de que a terceira e última listaxe de Deportistas de Alto Nivel (DAN) do 2021 aprobada o 21 de decembro polo Consejo Superior de Deportes (CSD) elevou a sete o número de padexeiros do club coa citada consideración. Así, a Tono Campos, Tania Álvarez, Diego Romero, Noel Domínguez e David Barreiro, que xa gozaban da condición de DAN, súmanse Marta Mourelos e Diego Domínguez, logo da súa estrea internacional no ano que vén de rematar.

Ambos os dous, Mourelos e Domínguez, competiron no Mundial das súas correspondentes especialidades. A primeira, no de maratón, no que finalizou na quinta praza da proba de K2 Xuvenil. Diego Domínguez, pola súa banda, fíxose coa prata no C2 500 Mixto Xuvenil de esprint, rematando ademais sétimo no C1 1.000.

Polo que respecta aos breoganistas que repetiron na listaxe de DAN do CSD, Campos e Romero revalidaron no 2021 o título mundial de C2 Sénior de maratón, cuarto e quinto respectivamente no C1 Curto e Campos ademais sexto no C1 Estándar. Tamén en maratón, Tania Álvarez encadeou a súa segunda prata mundial no K2 Sénior. Noel Domínguez foi prata mundial no C4 500 Sub-23 e oitavo no C2 1.000 do Mundial Absoluto, mentres David Barreiro competiu nos preolímpicos do C1 1.000.