A Deputación destina 54.694 euros a obras no patrimonio do Salnés

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Haberá investimentos en Vilagarcía, Cambados, Vilanova, Meis e Ribadumia

03 ene 2022 . Actualizado a las 16:33 h.

O departamento de Patrimonio da Deputación vén de aprobar o reparto de 376.824,55 euros en axudas para proxectos de rehabilitación do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 47 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial nos concellos, dos cales cinco sitúanse no Salnés. Esta comarca recibirá por este concepto 54.694 euros: Cambados, para a restauración da fonte da praza de Alfredo Brañas recibirá 9.854 euros, o que supón o cen por cen do orzamento; Meis, 21.902 euros para a recuperación, posta en valor e socialización do petróglifo de Outeiro do Cribo, o 61 % do orzamento do proxecto; Ribadumia, 3.300 euros (52,8 % do financiamento) para a mellora da contorna da fonte e lavadoiro do Corvo; Vilagarcía, 13.982,24 euros (100 % do investimento) para a reposición de tapizados no salón nobre da casa consistorial de Ravella; e Vilanova, 5.654,63 euros (100 %) para o proxecto de escavación arqueolóxica no sector sur do castro e mosteiro de Cálago.

Segundo explica a deputada de Patrimonio, María Ortega, a partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 77.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa totalidade. De feito, todos os concellos reciben a cantidade económica solicitada salvo tres, Meis, Gondomar e Redondela, que reciben cifras moi superiores á media, por enriba dos 21.000 euros. Ortega lembra que desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia.

De feito, entre as subvencións deste ano encóntranse cuestións tan diversas como contornas arqueolóxicas, petos e cruceiros, lavadoiros, paneis informativos ata a reposición de tapizados en algunha casa consistorial, segundo informa a Deputación.