Gustavo César Veloso fai balance final dos seus 21 anos de ciclista profesional. «Creo que todo o mundo no ciclismo sabía cal era o meu potencial e a miña forma de traballar», di tras retirarse cun palmarés excelso encabezado por unha xeral da Volta a Catalunya pero sen correr en ningún equipo World Tour
24 ene 2022 . Actualizado a las 22:52 h.Despedido o 2021, chega o momento de facer balance aos 21 anos de carreira profesional con Gustavo César Veloso. Falámolo con el o mesmo día que nos confirma a súa fichaxe coma director deportivo do Mortágua, por teléfono, coa súa muller, os seus dous fillos e el confinados por covid-19 no domicilio barcelonés da súa sogra. Por fortuna, todos están ben.
—A súa foi unha vocación tardía. Onde agardaba chegar Gustavo César Veloso cando empezou con 18 anos no Club Ciclista Cambados?
—Eu empecei a correr con 17 anos, pero a bicicleta gustábame de antes. Son dos nenos que medramos con Indurain gañando o Tour, aí é onde comezou a miña loucura coa bicicleta. Sempre me gustou o deporte, fixera atletismo, fútbol, natación… Ata que cheguei ao ciclismo e me enganchou. Comecei tarde, nun grupo cicloturista. Ao pouco, xa era xuvenil co C.C. Cambados. Recordo que na primeira carreira o meu obxectivo era ver se era quen de rematala. Non empecei cun obxectivo diferente a desfrutar do deporte e da compaña no pelotón. Pero chegou a primeira carreira e rematei terceiro. E a partir de aí comecei a competir, a tentar facelo o mellor posible. E ao final é unha inercia á que a propia competición te leva.
—Quizais moitos non o saiban, pero vostede foi internacional coa selección española e compañeiro de Alejandro Valverde. No Mundial Sub 23 do 2000 en Francia…
—Si, si. A Plouay fomos Valverde, David Arroyo, Tino Zaballa, Israel Núñez e mais eu.
—Con este punto de partida, brillando no Tour do Porvir (o Tour de Francia Sub 25) e gañando unha xeral da Volta a Catalunya e unha etapa da Vuelta a España, por que cre que nunca lle abriron as portas dun equipo World Tour?
—A ver, cando gañei a Volta a Catalunya, se buscara, seguramente podería atopar un equipo World Tour; por resultados e porque inda era novo. Pero estaba no Xacobeo, cun bo contrato renovado de dous anos grazas a gañar a Volta a Catalunya; e estaba cómodo, estaba a gusto: cos compañeiros, no equipo da casa, participando en Vuelta a España, Giro, cun calendario internacional moi bo… Decidín seguir no Xacobeo e non me arrepinto de nada. En La Vuelta ao ano seguinte gañei unha etapa e co Xacobeo a xeral por equipos; e no 2010, axudei no podio de Ezequiel (Mosquera). Si, foi un soño cumprido. É certo que a maneira na que desapareceu despois o Xacobeo afectou para que non atopara un equipo ao ano seguinte. Ao avisarnos tan tarde, cando practicamente todos os equipos tiñan as súas plantillas pechadas. Despois, pola maneira en que termina, con dous presuntos positivos, que ao final foi un, porque Ezequiel quedou absolto. E xunto a iso, pillei a crise do ciclismo español. Pasamos dun mínimo de dez equipos españois profesionais por temporada a tres. No ciclismo ao final tamén tes que ter sorte. Nin teño rancor nin me compadezo de non ter corrido en sitios onde non corrín. Creo que todo o mundo no ciclismo sabía cal era o meu potencial e a miña forma de traballar. Simplemente, as circunstancias fixeron que o meu camiño fora por outro lado. Todo o mundo sabe que gañar unha Volta a Catalunya non se dá por casualidade, que gañar unha Volta a Portugal —dúas no seu caso— non é por casualidade. Pero se cada ano desaparecen un equipo ou dous cada vez é máis difícil. Non sinto que o ciclismo me deba nada nin eu a el.
—Retírase sabendo o que é correr dúas das grandes, Vuelta e Giro. Quedou coas ganas de vivir desde dentro o Tour de Francia?
—Si. Pero se me das escoller o Tour de Francia ou a Paris Roubaix, o Tour de Flandes... quédome coas clásicas. Flandes e Roubeax son dúas carreiras que me deu moita pena non ter corrido, saber o que son, o ambiente.
—Con todo, correu en sete equipos de España e de Portugal, subíndose a grandes podios en Europa, en Asia e en América...
—Si. Ao final, eu estou moi contento coa miña carreira deportiva. Primeiro, porque grazas ao ciclismo puiden viaxar moito, coñecer culturas diferentes, a compañeiros de diferentes países, vivir experiencias que che van moldeando a personalidade e forman parte da túa filosofía de vida. E logo, non podo queixarme da miña carreira: Baixei da bici e subo ao coche.
—Vendo a forma espectacular coa que a afección e o ciclismo portugués o despediron nas súas últimas carreiras, máis aló do deportivo, que lle deu o ciclismo, en xeral, e Portugal, en particular?
—A ver. O ciclismo foi unha fonte de experiencias que podes extrapolar á vida en xeral. Os valores que ten, de sacrificio, de disciplina, de traballo en equipo; de caer, levantarte e seguir. Non paga a pena lamentarte. O que tes que facer é chegar ao final da etapa e pensar logo no que pasou e como evitalo outra vez. O ciclismo deume viaxes, cultura… Moitas cousas, moitas cousas. E niso, síntome un privilexiado. E Portugal? Portugal é a miña segunda casa. Comecei a miña carreira aí e acolléronme ben. E nesta segunda etapa síntome un portugués máis. Vivín ao final da miña carreira cousas moi bonitas en Portugal. É un ciclismo moito máis pequeno, pero moito máis familiar. A moitos corredores World Tour non lles viña mal pasar por un ciclismo máis pequeno como o de Portugal, habían aprender moitos valores.
—Cal é e será sempre a Súa Vitoria, con maiúsculas?
—A Volta a Catalunya. A nivel deportivo é a máis importante que logrei. Pola categoría UCI que ten e pola calidade do pelotón que había. E son sete días. E para gañar unha xeral tes que estar aí todos os días. De feito, eu non gañei ningunha etapa da Volta a Catalunya. Fíxate a dificultade que ten gañar a Volta a Catalunya que ata hoxe só hai dous corredores que gañaron probas World Tour sen facelo correndo nun equipo World Tour. O primeiro fun eu, e no 2017, ata que Edu Prades gañou a Volta a Turquía, non houbo outro.