Ernesto Falcón: Adeus a un dos homes que traballou por mil primaveras máis para o ciclismo galego

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Foi, por enriba de todo, unha persoa dedicada durante medio século a axudar a rapaces a gozar e medrar no deporte que o namorou

30 dic 2021 . Actualizado a las 20:49 h.

O ciclismo galego e o deporte cambadés están de loito. Porque poucas veces un home pode dar tanto e, máis importante inda, marcar a tantos con esa dedicación e ese trato humano que fixeron de Ernesto Falcón Padín unha das figuras capitais do ciclismo do país. Un home que deixa tras unha breve enfermidade unha historia de dedicación a medio século de xeracións de corredores, que gozaron da paixón de quen sempre puxo por diante o mimo ao deportista en formación, consciente de que o futuro do deporte que amaba dependía de quenes, coma el, se entregan a cultivar novas vocacións.

Os máis novos sobre unha bicicleta de estrada recordarán a Ernesto Falcón como o director da Gran Premio do Albariño e da Ruta do Albariño Memorial Modesto Sánchez, Teto; ambas, carreiras para as últimas categorías previas ao salto a elite. Poucos deles saberán que Falcón foi moito máis nun deporte no que, cousas da vida, nunca competíu. 

O paso da Vuelta a España por Cambados en 1959 enganchouno ao ciclismo: «Tiña 11 anos e quedoume gravado», recordaba nas páxinas de La Voz nunha reportaxe co gallo do recoñecemento do Concello de Cambados no 2018 ao seu labor á fronte do Gran Premio do Albariño na celebración da súa edición número 50.

Medio século antes aquela primeira modesta proba iniciaba a relación de Falcón con Teto e co ciclismo. Unha historia que continuou coa creación en 1973 do Club Ciclista Cultural Cambadés, o actual C.C. Cambados, no seo da Sociedade Cultural de Cambados, que Ernesto vicepresidía, e que deu pé na vila arousá ao mellor equipo amateur de España entre os anos 1976 e 1980. Fico, Fico Riego Lomba e Cesantesa Riego Lomba. Os nomes cambiaban só para soster o traballo dos arquitectos dos seus éxitos, Teto e Falcón, con boa parte dos mellores proxectos de grandes ciclistas galegos do momento: Álvaro Pino, José Teixeira, Modesto Sánchez... Todos remataron no pelotón profesional. E cando outros equipos buscaban novos valores, era habitual que usasen a frase «vamos ao viveiro» para referirse ao C.C. Cambadés e, por ende, ao froito do traballo do Teto e de Ernesto. 

Ao pé do canón seguía Falcón cando a finais do século pasado un Gustavo César Veloso que quería probar no ciclismo xa rematando a idade xuvenil buscou no club da vila do albariño o lugar idóneo para facelo. Un ano botou antes de saltar ao gran pelotón. «Estou sen palabras, hoxe deixas de pedra a moitas xeracións de ciclistas que pasamos por ti [...] Vou ter saudades de falar de ciclismo contigo, de escoitar historias, de levantar a man para saudarte cada vez que me cruzo contigo por calquera sitio adestrando. O ciclismo galego está de loito, pero sobre todo o ciclismo de base», escribía na súa conta en Facebook Veloso. «Xosé María Conde e mais Ernesto foron os meus pais deportivos. E despois, sempre que puido axudarme, axudoume», comentaba a este xornal o vilagarcián, afectado pouco despois de coñecer a tráxica noticia.

«Era unha persoa moi cercana e moi entregada ao ciclismo, levábao dentro», relata Álvaro Pino. O ex corredor e director deportivo salienta a forma especial que Falcón tiña de demostrar o seu amor polo seu deporte: «Sempre estaba moi pendente dos ciclistas, de que non lles faltara nada, de mirar sempre por eles, polo seu beneficio, porque el nada sacou do ciclismo» a nivel material.

Unha dedicación que o ocupou ademais 16 anos na vicepresidencia da Federación Galega de Ciclismo, a carón do irmán maior do seu ex pupilo de Ponteareas, Jorge. Cun único propósito: «Traballar para que o ciclismo galego crecera», di Álvaro Pino. Sempre vestido de faena, enfundado nuns vaqueiros e camisa á sementeira de novos corredores. Confiando en que o seu esforzo e o doutros coma el fagan posible mil primaveras máis para o deporte que o namorou vendo pasar por Cambados a vívida cor do pelotón da Vuelta nunha España en branco e negro.