O Salnés gañou 285 veciños no primeiro ano da pandemia, o Baixo Ulla perdeu 43

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Grove (máis 181), Vilanova (67) e Ribadumia (52) lideraron o crecemento

28 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado xoves o Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital aprobaba a declaración oficial das cifras de poboación resultantes da revisión anual do Padrón Municipal por parte do Instituto Nacional de Estadística. Os últimos datos, correspondentes ao 1 de xaneiro do 2021, confirman un incremento do número de veciños na zona do Salnés durante o primeiro ano da pandemia, que contrasta coa contracción da poboación observada na suma das localidades do Baixo Ulla.

A última revisión do INE sitúa en 92.441 o número de persoas que viven no conxunto formado por A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Isto é, 285 veciños máis respecto aos 92.156 rexistrados o 1 de xaneiro do 2020, o que supón un crecemento do 0,31 % anual. Unha suba repartida case por igual entre homes, con 144 máis no Salnés, para un total de 44.697, e mulleres, cun aumento de 141, ata 47.744.

A información proporcionada polo último padrón oficial fala dun comportamento desigual na zona durante o primeiro ano do covid-19. Con cinco municipios en positivo e tres entre o estancamento e a perda de poboación. No primeiro extremo aparecen destacados O Grove e Ribadumia.

O municipio meco mellorou o número de habitantes en 181, ata os 10.699, un crecemento do 1,72 % respecto aos 10.518 do 1 de xaneiro do 2020 e, o que é igual de relevante, o primeiro saldo positivo desde o 2010, cando O Grove contaba con 11.297 veciños.

No caso de Ribadumia, trátase do segundo ano consecutivo de crecemento, sumando entre ambos 105; a metade, 52, na última anualidade oficializada polo INE (+1,02 %), que eleva o padrón ribadumiense ata os 5.157 cidadáns.

Completan o listado de municipios salinienses en ascenso Meis, con 42 habitantes máis e un total de 4.796 (+0,88 %), Vilanova, co seu primeiro dato positivo tras máis dunha década de caídas con 67 cidadáns máis (+0,65 %) e un padrón de 10.306 e A Illa, con 19 e 4.951 (+0,38 %). No polo oposto, Cambados perdeu 48 veciños, situándose en 13.673 (-0,35 %), Meaño 8, para 5.314 (-0,15 %) e Vilagarcía cedeu un 0,05 % do seu censo tras descender o seu Padrón en 20 persoas, ata as 37.545.

Polo que respecta ao Baixo Ulla, a suma da poboación dos seus tres municipios pasou de 12.208 a 12.165 (-43 habitantes, un -0,35 %). Valga liderou os malos datos, con 56 veciños menos (-0,96 % e un total de 5.768), seguido de Catoira, con 15 (-0,45 % e 3.316). O crecemento en 28 empadroados de Pontecesures, unha suba do 0,92 % anual ata os 3.081 habitantes no último Padrón oficial, non bastou para compensar as perdas de Valga e de Catoira.

MARTINA MISER

Un polígono, un PXOM, unha gardería e bos servizos básicos cunha excelente localización

 

p.p. vázquez

O Concello de Ribadumia foi, co do Grove, o único quen de ver medrar o seu Padrón un 1 %. O primeiro, co valor engadido de tratarse da segunda anualidade consecutiva na que o INE ratifica o incremento do seu número de habitantes. Nunha contorna, O Salnés, na que a tónica da última década é a perda de cidadáns ano tras ano, o alcalde ribadumiense, David Castro, debullaba onte as claves que, no seu criterio, explican os 105 veciños máis rexistrados no municipio entre os xaneiros do 2019 e do 2021.

Castro evita poñerse medallas e defende que a última evolución do padrón de Ribadumia é o resultado de varias décadas de aposta polos sucesivos gobernos municipais: «Un concello constrúese día a día, mes a mes, ano a ano. Convén recordar o traballo feito polos nosos antecesores. O incremento da poboación foi favorecido pola concentración parcelaria, o polígono industrial e o PXOM, a finais do século pasado; e logo tamén pola apertura da gardería municipal, no 2005, e pola mellora dos servizos básicos». Neste punto, o actual rexedor ribadumiense salienta a aposta decidida do equipo de goberno que encabeza por afondar tanto nas ferramentas de conciliación laboral e familiar coma na mellora dos servizos básicos en todo o municipio. Así, conta, «con nós as escolas municipais de verán pasaron duns 50 nenos a entre 120 e 130 prazas, e creamos liñas de subvencións a asociacións culturais e clubs deportivos para actividades cos rapaces, con entre 250 e 300, para facilitar a conciliación familiar e laboral dos seus pais». Todo o anterior máis «unha excelente localización» farían tan atractivo Ribadumia para o perfil dos seus novos veciños, «mozos de 25 a 43 a con nenos», sinala o seu alcalde.