Un polígono, un PXOM, unha gardería e bos servizos básicos cunha excelente localización

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

28 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadumia foi, co do Grove, o único quen de ver medrar o seu Padrón un 1 %. O primeiro, co valor engadido de tratarse da segunda anualidade consecutiva na que o INE ratifica o incremento do seu número de habitantes. Nunha contorna, O Salnés, na que a tónica da última década é a perda de cidadáns ano tras ano, o alcalde ribadumiense, David Castro, debullaba onte as claves que, no seu criterio, explican os 105 veciños máis rexistrados no municipio entre os xaneiros do 2019 e do 2021.

Castro evita poñerse medallas e defende que a última evolución do padrón de Ribadumia é o resultado de varias décadas de aposta polos sucesivos gobernos municipais: «Un concello constrúese día a día, mes a mes, ano a ano. Convén recordar o traballo feito polos nosos antecesores. O incremento da poboación foi favorecido pola concentración parcelaria, o polígono industrial e o PXOM, a finais do século pasado; e logo tamén pola apertura da gardería municipal, no 2005, e pola mellora dos servizos básicos». Neste punto, o actual rexedor ribadumiense salienta a aposta decidida do equipo de goberno que encabeza por afondar tanto nas ferramentas de conciliación laboral e familiar coma na mellora dos servizos básicos en todo o municipio. Así, conta, «con nós as escolas municipais de verán pasaron duns 50 nenos a entre 120 e 130 prazas, e creamos liñas de subvencións a asociacións culturais e clubs deportivos para actividades cos rapaces, con entre 250 e 300, para facilitar a conciliación familiar e laboral dos seus pais». Todo o anterior máis «unha excelente localización» farían tan atractivo Ribadumia para o perfil dos seus novos veciños, «mozos de 25 a 43 a con nenos», sinala o seu alcalde.