A breoganista Andrea Galego entra na órbita da selección española de paracanoe

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A xuvenil de segundo ano participou a pasada fin de semana nunha concentración en Sevilla

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O mes de decembro serve no piragüismo como fronteira difusa entre a pretemporada e o novo curso deportivo. Con primeiras tomas de contacto coa competición, comezando polo Trofeo Internacional Rías Baixas disputado o pasado sábado nas augas do encoro de Verducido; ou con concentracións de seleccións autonómicas e estatais. Este último é o caso que ocupou a pasada fin de semana a padexeira do Breogán do Grove Andrea Galego, presente nas xornadas de traballo que desde o venres ao domingo desenvolveu a selección española de paracanoe.

Deste xeito iniciaba en Sevilla a breoganista o curso 2021/22, na que será a súa segunda temporada na categoría xuvenil. Unha franxa competitiva na que se estreou este ano coa condición de dobre campioa de España absoluta de VL3 e sumando catro medallas nas copas nacionais de esprint da mesma modalidade de paracanoe.

Recoñecida este mes como Mellor Deportista Feminina de Paracanoe na Gala do Piragüismo Galego, Andrea Galego vén de entrar na órbita dunha selección española que aspira a contar na edición de París 2024 cunha representante de VL3 feminino na estrea da modalidade no programa dos Xogos Paralímpicos.