O Arousa despide o ano fronte ao único filial do grupo, o Leganés B

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

Jorge Otero recupera a Porrúa pero perde a Fontán, con Piay apuntando a ocupar o seu posto no lateral dereito e Pedro García de central

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O fútbol despídese esta tarde do campo municipal da Lomba ata o ano que vén. Será á conclusión do duelo que desde as cinco enfronta o Arousa co Leganés B, único filial del Grupo 1 da Segunda División R.F.E.F. e sexto clasificado con 22 puntos, só dous máis cos que sitúan o seu anfitrión na décima praza da táboa.

Cun cadro de xogadores que rolda uns 21 anos de media, sinala o adestrador local, Jorge Otero, o Leganés B conta con varios efectivos coa calidade suficiente para comezar a prestar servizo de cando en vez ao seu primeiro equipo e coa motivación que supón entrar na rolda dun conxunto da Segunda División, isto é, xa do fútbol profesional. Sen ir máis lonxe, este mércores tres dos futbolistas do filial contribuíron ao pase do Leganés á rolda de dezaseisavos de final da Copa do Rei coa vitoria, 2-3, sobre a Cultural Leonesa, conxunto da Primeira División R.F.E.F.

No partido copeiro, o técnico do Leganés, Mehdi Nafti, deulles a titularidade e os 120 minutos do partido ao lateral dereito Javi Rubio e ao centrocampista Cissé; facendo xogar ademais ao dianteiro Diego García, este último titular tamén pero relevado no descanso. O feito de ter que disputar o Leganés unha prórroga e a tensión engadida de verse na obriga de remontar o choque por dúas veces podería xogar, con todo, a prol do Arousa no día de hoxe se o adestrador do filial, Carlos Martínez, ex compañeiro do arlequinado Alberto Martín no club madrileño, decide apostar de saída por Javi Rubio e por Cissé na Lomba.

Pola súa banda, e dentro da ampla nómina de baixas coa que volve ter que traballar unha semana máis, Jorge Otero confirmaba onte a dispoñibilidade final de Porrúa para o derradeiro encontro do ano. O extremo de Ames perdeuse o anterior encontro de Liga por problemas musculares cando se atopaba nun excelente momento de forma.

O que non chega a tempo é Campillo, que repite ausencia xunto aos mancados de longa duración Álex Cobo e Róber. A eles súmaselles desta volta Javi Fontán, no seu caso por acumulación de cinco cartóns amarelos. Unha baixa esta última que obrigará a cambios no once local, con Piay tendo todas as papeletas para se escorar ao lateral dereito cubrindo Pedro García o seu oco no centro da zaga a carón de Ross.

Jorge Otero amosaba na véspera do choque a súa confianza en que «podamos acabar el año brindándole una victoria a nuestra afición, sería importante». Conseguilo pasa por «hacer un partido muy serio otra vez» e espremer as «debilidades» do rival, «por momentos irregular», sinala o técnico arlequinado.

Para o estratega do Arousa, o principal perigo é o dinamismo e a extrema rapidez dos futbolistas do Leganés B, o que obriga o cadro local a «prestar muchísima atención. Y que cuando tengamos el balón que no estén cómodos, estar cerca de ellos, haciendo muy buenas ayudas y no tener problemas en las transiciones defensivas». En resumo, moita orde táctica para poder logo explotar con éxito as ocasións de gol que poida xerar o Arousa.

Chuvia de premios agardando na Lomba

A directiva do Arousa quere aproveitar ata o último día do calendario para elevar o capítulo de ingresos do club, quen sabe se pensando quizais na posibilidade de reforzar un cadro de xogadores con dúas vacantes desde o inicio da temporada. O caso é que a entidade arlequinada realiza esta tarde, durante o partido de Liga co Leganés B, un «Súper sorteo navideño». Con reparto de máis de 30 agasallos reunidos a través de diferentes doazóns ao Arousa entre os compradores das correspondentes rifas. Entre os premios en xogo, cestas de Nadal, roupa, comidas en restaurantes, noites nun hotel, electrodomésticos, sesións de spa, cortes de pelo en perruquerías de cabaleiros ou a camiseta do R.C. Celta de Vigo doada polo xogador vilagarcián do equipo vigués José Fontán.