Da importancia turística do patrimonio cultural

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A concepción das catalogacións do patrimonio como se fosen unha cuestión secundaria aparece como designio da propia lexislación urbanística

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo varios domingos criticando o catálogo de patrimonio do novo PXOM do Grove, para o que non podo aforrar descualificativos —ata me pide o corpo ser escatolóxico— pola falta de coidado co que se elaborou. No propio documento explícase que foi iniciado no 2004 e rematado no 2021. Enfocouse como algo accesorio, ninguén se parou a comprobalo e por ese desleixo padece ausencias clamorosas e aparecen bens que xa non existen ou que nin de lonxe deberían estar aí. Un despropósito que causará prexuízos no futuro se se mantén así, pero que reflicte a inexistencia dun modelo para ese municipio, como se ninguén soubese que facer con el.

No que aquí cabe quixera analizar unha das implicacións económicas dese maltrato. Un agravio que circunstancialmente achaco ao municipio grovense pero que é un cancro xeneralizado porque a concepción das catalogacións do patrimonio como se fosen unha cuestión secundaria aparece como designio da propia lexislación urbanística e, en consecuencia, non só se lles dá unha importancia menor senón que se ven como unha molestia. Iso hai que cambialo: o prioritario é o patrimonio cultural e o secundario o desenvolvemento urbanístico. E, por máis, temos que ser conscientes de que os patrimonios natural e cultural de cada lugar son un valor universal, que polo tanto pertencen a todos os pobos.

Simplificando: eses patrimonios cumpren dous tipos de funcións. Unha, chamémoslle interna, para os habitantes da zona onde se sitúan, como espello onde poderen ver a historia e o ser propio. Son o testemuño do nós: somos o que se ve neles. A outra función é a de como nos ven, que imaxe damos como lugar anfitrión dese patrimonio e que sitio ocupamos aos ollos dos demais a través das diversas clases de patrimonios culturais. E ese como nos ven ten unha relación directa co turismo.

A iso hai que engadir que, aínda sendo o turismo un fenómeno de masas, o viaxeiro, cada vez máis, ten un perfil máis experimentado e busca singularidades e recursos atractivos; demanda patrimonios, cultural e natural, diferenciados. Agora mesmo, en realidade, empeza a ser un desvalor, que case ruboriza, presumir de crecer en número de visitantes de sol e praia en vez da calidade deles. Por iso hai que ofrecer e valorar os patrimonios artístico, inmaterial, toponímico, gastronómico, arquitectónico, etnográfico, arqueolóxico, natural. Apostar pola cultura e o patrimonio representa o único camiño para respectar un turismo cada vez máis formado. É preciso, pois, reinventar o sector turístico, esencial na nosa economía e transformalo nun radical adaíl da defensa e conservación dos nosos patrimonios, porque as Administracións públicas son lentísimos paquidermos que chegan tarde e mal.

A soidade da Figueira do Meco

A Carta Internacional sobre Turismo Cultural do Consello Internacional de Monumentos e Sitios lémbranos que «a memoria colectiva e o peculiar patrimonio cultural de cada comunidade ou localidade é insubstituíble e unha importante base para o desenvolvemento non só actual senón futuro. Nestes tempos de crecente globalización, a protección, conservación, interpretación e presentación da diversidade cultural e do patrimonio cultural de calquera sitio ou rexión é un importante desafío para calquera pobo en calquera lugar». E déixenme rematar volvendo furgar na ferida do catálogo do Grove: que me din de que o único patrimonio natural catalogado sexa a Figueira do Meco? Noutros concellos non aparece ningún. Teño que seguir a falar deso.