Carril está presente na campaña da Deputación «Elas son a forza do Nadal»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Rafa Estevez

Rita Vidal, a vicepatroa  maior primeira da confraría e presidenta da asociación AmarCarril é unha das protagonistas do seu vídeo promocional

10 dic 2021 . Actualizado a las 20:31 h.

Por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra lanza a campaña «Elas son a forza do Nadal», na que sae á palestra para defender o «papel fundamental que as mulleres sempre xogaron no sector primario ao longo de toda a historia», afirmou a presidenta, Carmela Silva, durante o acto de presentación. Na campaña participan nove mulleres entre as que figura Rita Vidal, vicepatroa maior primeira da confraría de Carril e presidenta da asociación AmarCarril de Turismo Mariñeiro. Comparte cartel con Susana Aguiar, emprendedora da produción de lácteos na empresa Kalekoi; Natalia Peixoto, viveirista en Figueiró (Tomiño); Mónica Brey, produtora de mazá de sidra ecolóxica da Estrada; Beatriz Molones, redeira en Cangas; Andrea Silva, peixeira de baixura na praza de abastos de Pontevedra; Maruxa Valverde, propietaria dunha panadería en Nigrán; María Antonia Almansa, presidenta da Asociación Cunicultores Progacun (Rodeiro), e Maika Mougán, agricultora en Hortamanga. Elas protagonizan un vídeo no que aparecen realizando as súas tarefas diarias, «un vídeo no que se pode ver a cada unha das mulleres, en pé, empoderadas e aportando tanto á economía», sentenciou Carmela Silva. «Non deixen de escoitalas porque unha non soamente sinte orgullo de cada unha delas, sente orgullo de ser da provincia de Pontevedra de ser galega, do traballo e do crecemento que promoven na nosa provincia» , engadiu a presidenta do organismo provjncial.