Xaquín Fernández Leiceaga: «O detective en España é unha figura insólita fronte á do policía»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Xaquín Fernández Leiceaga presenta en Vilagarcía de Arousa a súa segunda novela, Baixo as alas de abril
Xaquín Fernández Leiceaga presenta en Vilagarcía de Arousa a súa segunda novela, Baixo as alas de abril Martina Miser

O senador fabula cunha banda armada galega a finais dos anos 80 en «Baixo as alas de abril», a súa segunda novela

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é que Xaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) veña de aterrar, precisamente, no mundo da publicación. Sucede que as súas obras adoitan responder á súa dobre faciana de economista e político, primeiro no seo do BNG e a continuación no PSdeG, polo que hoxe é senador. Porén, Leiceaga é, tamén, un voraz lector proxectado cara á literatura. Baixo as alas de abril (Galaxia, 2021), que onte presentou na libraría Nobel de Vilagarcía, é a súa segunda novela. Como na súa estrea, Agosto de memoria e morte (Xerais, 2015), a investigación descansa nos ombros do comisario Miguel Santos.

—A súa obra académica, por así dicilo, é ben coñecida. Pero, como chega ao mundo da novela?

—Sempre tiven querenza pola literatura, unha certa paixón persoal. Pasa coma coa comida. Un pode ir a un restaurante e buscar os menús que lle gustan, pero sempre está a tentación de facelo un mesmo. Tamén se trata de escribir un relato, unha historia que un lle gustaría ler. E esta é unha razón fundamental. A literatura cumpre unha función básica, a de crear arquetipos, narracións, historias que ordenan e forman parte da conversa social. Creo que é importante contribuír a iso.

—Para construír a Santos optou por un policía, non por un detective, unha das figuras clásicas do xénero. Por que? Parécelle un perfil máis interesante?

—É certo que o detective ten unha tradición fonda na novela policial, pero creo que en España é unha figura máis insólita fronte á do policía. Non ten tanto arraigo nin tanto peso como pode ter en Estados Unidos. Quen investiga aquí é normalmente a policía. E hai outra razón implícita, que foi xurdindo ao longo as presentacións, en conversas e comentarios. A policía foi unha das grandes protagonistas do cambio político e social que tivemos en España, xunta o Exército. Eran, se se quere, unha certa encarnación do máis negro do franquismo e conseguiron transformarse en corpos ao servizo da sociedade e queridos por ela, con todos os matices que poder ter isto. Santos é, ademais, un policía que procede dunha familia non afecta ao réxime.

—Algo particularmente interesante na primeira novela, dacabalo da Guerra Civil e dos últimos tempos da ditadura.

—Teño a tese de que, en realidade, a visión que uns e outros temos da transición depende bastante de como vemos a cuestión da República e a Guerra Civil. A novela parte de aí e dos últimos anos do franquismo. Santos é un personaxe de procedencia rural, que pertence a unha familia de perseguidos polo réxime de Franco. Ten esa complexidade e eses matices que tratei de reflectir. Agora madura, é maior, ten fillos e unha carreira profesional. Son os anos 80, os anos de asentamento da policía nos métodos democráticos, así que segue enfrontándose a ese dilema.

—Nesta ocasión, co fondo dunha virtual banda armada galega no albor da década dos 90. Hai aquí algunha vivencia persoal?

—Non hai nada directamente autobiográfico. Parte da Compostela dos anos 70 e dá un salto a medios sindicais e políticos. Eu non chego a Santiago ata os anos 80, e hai unha presenza miña na historia, pero coma coetáneo, Hai partes de realidade, moita parte de ficción para trazar a realidade que puido ser pero non foi, e un tratamento basicamente literario de todo ese material.

—A vida política semella unha boa fonte de argumentos novelescos.

—Sen dúbida, aínda que son perspectivas diferentes. En política observas e actúas para obter un apoio social determinado; na literatura trátase de imaxinar comportamentos verosímiles, coherentes, e de contar historias que puideron suceder. Na primeira novela aparecía unha subtrama de corrupción municipal, por exemplo, e nesta o Goberno Civil, as conversas de Arxel... Todo iso procede en parte da miña experiencia política.

—Haberá, por certo, unha terceira aventura do comisario Santos?

—A verdade é que teño algunha historia na cabeza, pero de índole distinta, seguramente non policial. Esta segunda novela é filla da pandemia, de estarmos na casa pechados sen moitas posibilidades de saír; non demasiado planificada, pensada e escrita practicamente ao mesmo tempo. E iso é o que preciso, tempo. De todas formas é moi posible que Miguel Santos volva, aínda que non de xeito inminente.

—Dados os saltos de tempo entre as dúas primeiras, pode que o comisario estea xa xubilado nesa terceira entrega...

—Sabes que agora hai precuelas... Quen sabe.