«O goberno socialista do Grove métese dentro da cuncha e deixa que chova»

leticia castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O exvoceiro marcha criticando a imposibilidade de dialogar co PSOE

03 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras dez anos de enfrontamentos co goberno do Grove, tras leccións de historia e algúns chistes nos plenos, o portavoz do BNG meco abandona a política activa. E non o fai por esgotamento, que corda ten para rato, senón porque como confesa «chega o momento de deixar paso a caras novas, e tamén de descansar». O edil facía efectiva a súa renuncia a acta no pleno do pasado luns, onde recibiu o agarimo de compañeiros de todos os partidos políticos.

—Péchase unha etapa, non só para vostede, senón tamén para o partido, como a afronta?

—É o momento de facer cambios. Agora toca relaxarse e deixar paso a outras persoas, renovar enerxías, e sobre todo adaptarse. O home é un animal de costumes e os cambios requiren un tempo, estou seguro de que non me vai a custar, porque estarei igualmente nas asembleas e axudarei en todo o que o partido requira. Non será tan activamente, por suposto, pero non me vou desvincular totalmente.

—Se bota a vista atrás, con que momentos quedaría de todo o vivido estes anos na corporación?

—Pois seguramente cos inicios de lexislatura e os períodos electorais, sempre foron interesantes. Cando eu xurei a acta había un tripartito liderado polo PP, co Partido Galeguista e Alternativa Meca, e lembro que houbo que facerlle unha labor de desgaste importante, que non foi moi difícil, todo hai que dicilo. Tamén foi unha etapa curiosa a do goberno en minoría do PSOE, que tentou apoiarse en nós e Esquerda Unida, pero eramos moi esixentes e acabou aliándose cos galeguistas, aos que como sabemos acabou absorbendo. Como momento curioso, lembro que no pleno de investidura do 2015 había moita tensión e cando fun prometer o cargo a xente aplaudiume, o cal me chamou a atención, porque só me aplaudiron a min. Debeu ser porque dixen que ía defender o interese xeral e aos veciños e ao pobo do Grove ao rematar o xuramento, algo que debería ser normal, digo eu.

—Como valora o traballo feito polo BNG no Grove?

—Valóroo moi positivamente, aínda que cando entrei, no 2011, non tiña experiencia algunha na política institucional. O partido viña de sufrir un revés nas urnas, tras formar parte dun cuadripartito, e sacamos un concelleiro, así que estaba só. Era un momento de certa debilidade para o partido que fomos remontando. Nestes anos aguantamos o resultado, e nas últimas eleccións ao goberno autonómico, fomos a primeira forza no Grove, polo que penso que a situación é inmellorable de cara a ter responsabilidades de goberno a curto prazo. Enténdoo como un apoio ao BNG do Grove. Estamos nun momento de reafirmación e crecemento, de feito nestes dez anos eu pasei tamén por ese proceso convulso que tivo a esquerda e o nacionalismo galego. Tivemos un tránsito e momentos complicados pero agora estamos indo cara arriba.

—Como a cualificaría a súa relación co alcalde do Grove?

—A cualifico de difícil, de abuso, de prepotencia, poñendo as urnas por diante sempre. E teño que sinalar que hai moita deslealdade á hora de apropiarse de ideas dos demais e vendelas como se fosen propias. Está recollido por aí que lle chamei varias cousas nos plenos, porque é moi absolutista (rise), pero é verdade, ten para min unha gran incapacidade para gobernar, e unha actitude que en moitas ocasións paraliza a acción de goberno. Existe moita covardía, e o que vexo e que lle dá medo todo o que non sexa recibir aplausos. E logo ten outra cousa, que todo o politiza, non se pode estar sempre en contra das administracións que non son da súa corda, porque entonces nunca teremos nada. O executivo en si, non é nada creativo, non souberon adaptarse ás circunstancias. Ou sexa, en resumo, que me enredo, non me puxo, ou nos puxo, as cousas doadas. Este goberno métese dentro da cuncha e deixa que chova, así que…

—Deulle un bo repaso… E deixando a política a un lado, que vai facer Heladio Outeiro a partir de agora?

—Agora toca prestarlle atención a outras cousas, pero penso que a miña vida seguirá sendo moi poliédrica. Vou preparar as probas de acceso para Gardacostas de Galicia, dedicarlle máis tempo ao xadrez, tanto a xogar como a ensinar, que é unha das miñas afección, e tamén hai que atender as bateas da familia… moitas cousas. E seguramente apareza algo máis que me cause atracción e me embarque, porque non é raro. Pero en fin, antes tentarei darme un respiro.

«Hai que buscar que aquí se asente un tecido industrial ligado ao mar»

O xa exvoceiro do BNG lamenta as nulas opcións que, di, ten a oposición de colaborar co goberno socialista. Considera Outeiro que iso se traduce en todas as cousas que quedan pendentes por facer na vila.

—Presenta a dimisión a metade de lexislatura, non hai eleccións ata o ano 2023... Cales son os grandes temas polos que pelexar dende o Concello?

—Neste mandato creo que un dos grandes escollos é o PXOM, de feito para min non empezou nin sequera a partida, porque aínda non se enviou á Xunta de Galicia un proxecto de verdade. O goberno non fixo un bo traballo neste sentido, son moitos anos perdidos, e se entrega con moitas eivas. Sinceramente, eu creo que foi para cubrir o expediente, e a súa intención non é apostar porque se aprobe. Ademais creo que estamos nun declive social evidente, e debemos clarificar que queremos ser, e apostar pola industria, e non cegarnos co turismo para ser un concello de temporada, como lle dixen a Cacabelos na última sesión plenaria. O que hai que buscar é que se asente un tecido industrial ligado ao sector do mar.

—É dicir, que nos estamos equivocando fiando todo ao turismo…

—En certa maneira, si. Somos a vila da ría de Arousa con máis embarcacións, e non temos mecánicos navais, non temos talleres navais, e deberíamos ter unha industria asociada ao sector do mar. A conserva tamén precisa unha especialización, debemos traballar produtos caros, cun alto valor engadido en non estar pelexando por céntimos en cada lata, por exemplo. Date conta de que O Grove ten unha imaxe de marca das mellores do mundo en produtos do mar. Pero pénsanse en cousas máis efectistas, en proxectos estrela e en encher o piorno para pasar o inverno. O turismo é moi importante, pero a economía non se poden apoiar nunha soa pata.